Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente: “O culpable da suba do recibo do lixo é Pedro Sánchez"

CAFÉ DE REDACCIÓN

Entrevista á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, convidada desta semana ao Café de Redacción de La Región

L. Vázquez/L. Montáns

Publicado: 08 sep 2024 - 07:00 Actualizado: 08 sep 2024 - 18:36

CAFE DE REDACCION ANGELEZ VAZQUEZ 08 09 24

Despois de tres anos como titular de Medio Rural, Ángeles Vázquez (Melide, 1972) tomou as rendas no 2018 da Consellería de Medio Ambiente coa mirada posta no futuro de Galicia. As medidas a implantar na nosa comunidade fronte ao cambio climático, a posta en marcha de proxectos eólicos na comunidade como un dos medios para lograr a descarbonización e fomentar a reciclaxe entre a poboación son algúns dos seus principais retos, así como a protección do patrimonio natural, castigado polo lume hai uns días.

Como se aborda a recuperación do parque natural do Xurés tras o incendio desta semana?

Puxéronse todos os medios para extinguir este lume, pero era unha zona moi abrupta, e sempre prima a seguridade dos nosos axentes. A partir de aí, toca poñerse mans á obra coa recuperación da zona afectada. Farase tamén a análise pertinente para que non haxa escorrentías e evitar que cheguen a ríos, caudais e aguas potables de consumo para a poboación.

Que retos ten por diante María José Echevarría Moreno, nova directora xeral de Calidade Ambiental?

Son moitos, pero Galicia xa está posicionada a nivel europeo como un gran refuxio climático e unha das rexións con mellor calidade do aire. A xente opta por vir aquí nas vacacións polo seu clima, pero tamén polas opcións que damos para teletraballar. Galicia é o mellor sitio para nacer, para vivir e tamén para investir. Para seguir por este camiño debemos apostar polas enerxías verdes, porque se algo precisamos é enerxía, xa que todo o que nos rodea é eléctrico.

“Non podemos falar das minas como algo tráxico e algo que só fai dano no noso territorio”

O nomeamento de Echevarría provocou un enfrontamento entre PP e BNG.

Non é cuestión de partidos. Como muller síntome ferida polas declaracións do señor Bará, a quen lle quero dicir que non estamos no ano corenta, estamos no 2024, e as mulleres somos independentes e decidimos, non somos a ‘a parella de’. Debe pedir perdón ou irse para a súa casa. Como muller e conselleira, escollo a esta persoa para o posto, unha profesional cun currículo impecable, letrada da Xunta, e que penso que é o mellor para Galicia.

Momento do Café de Redacción con Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente.
Momento do Café de Redacción con Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente.

Que medidas se contemplan para paliar os efectos do cambio climático na nosa comunidade?

Somos moi estritos coas emisións das empresas e iso está dando resultado. Tamén traballamos cos 285 concellos adheridos ao Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía para elaborar os seus plans e reducir o consumo de enerxía con medidas como o cambio a luces led, instalación de placas solares e envolventes nas construccións para protexer do frío e do calor. Se seguimos por este camiño, con planificación, investimento e adaptación, Galicia poderá acadar a neutralidade climática no 2040.

O “refuxio climático” galego é evidente no rural. Tamén en cidades como Ourense?

A Xunta está a carón das cidades para avanzar e ser o máis sostibles posible, xerando menos residuos, e tamén a través da reciclaxe. Neste campo, Ourense non está en boa situación: os datos que manexamos revelan que non se chega ao 12%. Hai que seguir convencendo á xente para fomentar a reciclaxe en orixe e tamén outras medidas, como o uso do quinto contedor. Nós imos estar a carón dos concellos para que iso sexa posible, e o que lle pedimos aos concellos é que se involucren máis.

“Están en xogo moitos postos de traballo e, sobre todo, a descarbonización de Galicia"

Ourense conta con parques naturais e reservas da biosfera. Que supón isto para a provincia?

É un luxo. Temos que apostar por Ourense e pola súa biodiversidade, así como polo turismo de natureza, cada vez máis en auxe. Agora que temos AVE e, agardando que non haxa máis atrasos nos trens, é unha gran oportunidade para darnos a coñecer no exterior, non só en España, senón en toda Europa. Nos próximos anos imos destinar 70 millóns de euros para os parques naturais galegos. Das axudas que xa se están concedendo, máis da metade son para a provincia de Ourense. Fomos avanzando e todos os parques teñen un plan reitor de usos e xestións do solo.

Veñen de anunciar que se priorizarán os investimentos estratéxicos vencellados coa enerxía e a auga.

En Medio Ambiente valoramos, dun xeito moi rigoroso, como temos demostrado, todos os proxectos. A auga será o ouro do futuro, de aí que incidamos tanto neses plans estratéxicos para frear o cambio climático, que estamos conseguindo, e iso non é froito da casualidade. Estes días avaliamos como foi o verán e o certo é que hai un incremento de temperaturas, pero nada que ver co resto de comunidades autónomas ou rexións mundiais. A auga é fundamental, pero tamén o é a enerxía. Temos que explorar e explotar as novas fontes que, ademais de favorecer a descarbonización, van xerar emprego verde.

“Apoiamos todo tipo de investimentos que cumpran estrictamente coa lei vixente”

En que estado se atopan os proxecto eólicos para Ourense en Treboada e Xeada?

A situación actual é de parálise total e non podemos continuar deste xeito. Hai un 42% de territorio protexido en Galicia no que non se permite a instalación de eólicos, tampouco en zonas de voo de aguia ou en núcleos da biosfera. De todos os proxectos que se presentaron á Xunta, preto dun 50% foron desbotados porque non cumprían coa biodiversidade.

E o outro 50%?

Dos que si que pasaron ese filtro, a maioría están paralizados. Acatamos as decisións xudiciais, pero hai cousas que non compartimos: non é posible que haxa unha parálise total e absoluta porque unha organización diga que vai haber consecuencias irreversibles cando os promotores do proxecto aportan documentos que o contradín. E a Xunta, a través dos seus técnicos, fai os estudos correspondentes para corroboralo. Veño de pedirlle á ministra unha xuntanza de xeito urxente, porque se Galicia non cumpre, España tampouco o fai. Galicia quere seguir sendo pioneira na instalación de enerxía verde e deste xeito non avanzamos. O Supremo danos a razón e o Goberno central ten que actuar, pois foi quen delimitou no seu momento un espazo sen contar coas comunidades autónomas. Están en xogo moitos postos de traballo e, sobre todo, a descarbonización de Galicia.

A eólica mariña é compatible co sector pesqueiro?

É lóxico que a cuestionen porque na planificación que sacou adiante o Goberno central non contou co sector pesqueiro. Á eólica mariña hai que dicirlle que si, pero sempre contando co sector, profesionalizado e que coñece mellor que ninguén o territorio. Non se opoñen sempre e cando se escoiten as súas achegas, algo que ata o de agora non se fixo.

A conselleira durante a súa entrevista no plató de Telemiño.
A conselleira durante a súa entrevista no plató de Telemiño.

Que medidas se artellan para manter o equilibrio entre actividade gandeira e protección do lobo?

Desde a Xunta recorremos en varias ocasións a decisión do Goberno central de que o lobo ten que formar parte do LESPRE porque non é unha especie en perigo de extinción nin está en mala situación, todo o contrario. En Galicia superamos as 90 manadas: temos máis que todo Portugal e Francia xuntas. É o gandeiro o que estivo alimentando ao lobo e, se segue a expandirse, temos que tomar medidas, pero non nos deixan.

É a caza unha delas?

Non queremos cazar o lobo, pero hai que establecer normas de contención cando certas zonas se ven moi acosadas. A Consellería de Medio Ambiente está para preservar o lobo, pero se hai algo que coidar son os nosos gandeiros e os seus animais. A Xunta destina este ano 2,5 millóns de euros para axudar ao sector, que no 2023 perdeu 2.600 cabezas de gando por ataques do lobo. Débese indemnizar ao sector, a sabendas de que o gandeiro o que máis quere é tranquilidade á hora de ver pastar os seus animais. O Goberno central decidiu que temos que contemplar o lobo sen facer absolutamente nada.

Cal é o motivo da suba do canon de Sogama aos concellos de ata 42 euros?

Estamos a ver a aplicación do refrán “Daqueles polvos, estes lodos”. Nós cremos que se debe fomentar a reciclaxe: en vez de gravar, imos beneficiar. É o que faciamos ao bonificar nun 15% o custo da tonelada. Pero o Goberno central decidiu no 2022 poñer impostos aos residuos: trinta euros por tonelada que vai a vertedoiro e dez euros pola que vai a valorización.

Cal foi a resposta da Xunta?

A Xunta opúxose, pediu a FEGAMP e FEMP o seu apoio, e deron a calada por resposta. Desde o 2023 Sogama facíase cargo deses sobrecustos, pero agora é imposible. Pedímoslle ao Goberno central que retire os impostos para non ter Sogama que subir o recibo do lixo, e estamos agardando respostas. Ademais, vanse presentar varias iniciativas no Congreso e tamén mocións nos concellos.

Os concellos xa din que a suba vai reverter na cidadanía.

É así. Se hai un culpable da suba do recibo do lixo, ese é Pedro Sánchez. Dos 27 países da Unión Europea, 18 non puxeron ningún imposto á valorización do lixo nin ao que vai a vertedoiro. É una decisión do Goberno Central, que por un lado di que vai dar máis ás comunidades autónomas, pero polo outro o que fai é cobrarlle máis aos cidadáns.

A pesares das voces que hai en contra de Altri, a Xunta apoia o proxecto. En que estado está?

Apoiamos todo tipo de investimentos no territorio que cumpran estritamente coas leis vixentes. O caso de Altri é como o de calquera outra industria que se quere instalar en Galicia, aínda que é certo que é unha inversión importante e moitos os postos de traballo en xogo. Temos que irnos adaptando ao futuro, onde o material empregado para a fabricación de roupa será lyocell. Altri cumpre desde o punto de vista urbanístico, do patrimonio natural, de estudos do territorio e de emisións; cumpre coas directivas europeas e en materia de verteduras. A Xunta o que ten facer é esixir e mandar unha mensaxe ás empresas que queiran vir a Galicia: queremos seguir tendo a mellor calidade do aire, a comunidade coa maior redución de emisión de gases invernadoiro e a que máis dióxido de carbono absorbe, pero tamén queremos traballo de calidade para que os nosos mozos se establezan.

Pode facerse algo desde a Xunta para acelerar o saneamento do río Barbaña?

As competencias da auga en Galicia están divididas entre as que ten a Confederación Hidrográfica e as de Augas de Galicia. No caso do Barbaña, as competencias son do Goberno central, e debe exercelas. Nós o que lle pedimos é que sexa áxil á hora de emitir os seus informes para evitar ter unha Galicia de primeira e outra de segunda. A Xunta está aquí para todo o que precise, facendo o esforzo necesario, pero no lugar que lle compete.

Os veciños da comarca de Viana están preocupados polo futuro da mina de Penouta.

Non podemos falar das minas como algo tráxico e que só fai dano no territorio. Hai que facer as valoracións necesarias e ter algo moi claro: se nun territorio non hai postos de traballo, hai abandono, e se hai abandono, dificilmente podemos falar de sustentabilidade. Todos os sectores deben cumprir coas avaliacións ambientais e, unha vez superadas, chegar a acordos para que as familias non sufran.

Que valoración fai da campaña Fermosismo?

Hai aldeas fantásticas en Ourense, pero poñemos como exemplo Puxedo (Lobios) e Beariz, que viviron un antes e un despois tras as axudas recibidas, doulles unha matrícula de honra. Son un exemplo de que con pequenas subvencións se poden transformar espazos e darlles unha nova vida.

Matrícula de honra para a provincia en xeral en materia ambiental, e para a cidade?

Nós non miramos ideoloxía nin concellos, vemos persoas, vemos galegos e galegas. A partir de aí, os concellos teñen unhas competencias e a Xunta outras, pero podemos ir da man e facelo moito mellor en ámbitos como a reciclaxe. n

Contenido patrocinado

stats