Transporte ferroviario

O BNG critica máis recortes no Avant Ourense-A Coruña

O BNG, a través da deputada por Ourense Noa Presas, alertou de novos recortes no tren Avant que realiza o percorrido Ourense-Santiago-A Coruña, o cal, din os nacionalistas, "supón unha nova volta de torca na discriminación da cidade das Burgas á hora de poder desprazarse por tren". 

Ademais, valora  que "é indecente que o mércores o Parlamento veña de reclamar a restitución de todos os servizos suprimidos durante a pandemia e hoxe a realidade vaia na dirección contraria", alegou a deputada. Presas, na iniciativa rexistrada onte no Parlamento para tratar este asunto, recordou como no mes de setembro xa abordou a supresión do Avant que saía ás 6:45 de Ourense con parada en Santiago de Compostela e A Coruña, o cal facilitaba que centros de estudantes e traballadores e traballadoras acudiran ao seu posto de traballo. Pero, añade, "agora acabamos de coñecer novas mudanzas que son absolutamente intolerábeis e que afectan a ambos os dous sentidos da circulación".

Entre outras liñas, suprimiuse o tren Avant que saía ás 11,40 da Coruña con parada en Santiago de Compostela. Por outra banda, múdanse diferentes horarios. "Por exemplo, o tren que saía ás 12,10 de Ourense adiántase ás 11,45, reducindo o espazo entre o primeiro tren do día e os trens da tarde. Tamén se adianta o tren das 18,00 ás 17,05, deixando sen servizo ate ás 20,00", critican.

Pola súa banda, Renfe nega que se supriman servizos ferroviarios en Ourense e mantén que so houbo  cambios de horarios na parrilla  de trens para favorecer os Alvia que conectan Galicia e a Maseta. Nega a versión do BNG e di que incluso se ampliaron servizos en Ourense coa extensión o sábado e domingo dun tren que operaba de luns a venres. 

Te puede interesar