O BNG reclama incrementar o investimento do Estado en Ourense: 132 millóns máis

Rego presenta emendas por preto de 132 millóns de euros para atender a crise industrial e social da cidade e a súa área de influencia

 

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, salientou este sábado o investimento extra de 132 millóns nas comarcas de Ourense e Carballiño se o Goberno central acepta as emendas nacionalistas aos Orzamentos Xerais do Estado 2022, nas que se inclúen melloras das infraestruturas ferroviarias, abaratamento de billetes, saneamento de ríos ou melloras das pensións. Rego estivo acompañado, na súa visita á cidade, dos parlamentarios María G. Albert e Iago Tabarés; o deputado provincial, Bernardo Varela; e o voceiro na cidade, Luis Seara. 

Destacou que o investimento territorializado nos orzamentos de 2022 para Galiza supón un mellor punto de partida que o ano anterior,  proxecto no que o BNG votou en contra, pero dixo que pensarán o voto en caso de que non se acepten as emendas e chamou ao goberno de PSOE e Podemos a ser “dilixentes” no acordo de investidura co BNG, xa que “en boa medida, está sen cumprir”. 

O deputado sostén que o investimento debe ser incrementado para “compensar o déficit en infraestruturas”, xa que, “non todo remata no AVE”, e salientou que “temos os billetes de tren máis caros de todo o Estado de maneira incongruente e inexplicábel”. Asemade, insistiu na aposta pola mellora da liña de tren convencional entre Ourense e Vigo para “conseguir unha vertebración real do sur” e a creación dun servizo de cercanías nas cidades. Propón tamén melloras ou creación  de infraestruturas viarias de Ourense, como a N-525, o enlace da Rúa, a A-56 e A-76 e a bonificación das peaxes na AP-53. Tanto o deputado como Seara puxeron atención na necesidade de acadar un investimento suficiente para o saneamento integral dos ríos Loña e Barbaña, “altamente contaminados”. Por último, destacaron o necesario avance en políticas sociais, expondo que se precisa “igualar as pensións mínimas co salario mínimo”, incidindo en que Ourense ten “as máis baixas do Estado”.  

Te puede interesar