O campamento urbano de Amencer arranca con 560 inscritos

Mural do campamento nos Salesianos.  XESÚS FARIÑAS
photo_camera Mural do campamento nos Salesianos. XESÚS FARIÑAS
O campamento de Amencer rematará  o xoves 10 de agosto. En total, haberá nove días de actividades abertas e gratuítas para todos os que que o desexen

A Asociación Xuvenil Amencer inicia hoxe por 36º verán consecutivo o Campamento Urbano da cidade, que se celebrará durante nove xornadas repletas de actividades abertas e gratuítas para rapaces entre 8 e 16 anos, en horario de 10,30 a 13,30 horas e de 16,30 a 19,30 horas. A día de onte, xa había 67 voluntarios e 560 presinscritos.  

Para os maiores de 15 anos ofertarase o Campamento Urbano Xuvenil, que se desenvolverá tamén dende hoxe de 22,30 a 00,00 horas.
A base do Campamento Urbano será, como xa é habitual, no Colexio Salesiano. A entrada será polo portón de abaixo do centro educativo, ao carón do parque dos cans. Dos nove días programados de luns a venres, pois na fin de semana non se ofertan actividades, tres días serán en xornada completa de mañá á tardiña pois inclúen a xuntanza dos campamentos urbanos de Galicia nunha praia preto de Vigo e visita ás vilas arredor da cidade.

O campamento rematará  o xoves 10 de agosto. En total, haberá nove días de actividades abertas e gratuítas para todos os que que o desexen. A inscrición estará aberta os mesmos días que dure o Campamento Urbano, debe facerse con anterioridade a participar, polo tanto é imprescindible inscribirse (online ou presencial) antes. 

Hoxe ás 10,15 horas abrirase a secretaría para inscribir a todo o  que desexe participar nas actividades. Ás 11,15 horas, está previsto comezar cos “Bos días” no ximnasio do colexio presentando as diversas actividades, os animadores participantes, e o himno do campamento. A continuación, faranse grupos de idades e comezará a primeira grande actividade, “Coñecéndonos”, xogos para que os membros de cada grupo se coñezan. 

E sobre as 13,00 hora xuntaranse todos para facer un  “aplauso” conxunto desde a Ponte Vella (os de 8, 9, 10 e 11 anos), desde a pasarela peonil (15 e 16 anos), e desde a Ponte do Milenio (12, 13 e 14 anos). Será un “aplauso” especial con tres pancartas, unha por cada ponte, en lugar da tradicional solta de globos, “como compromiso ecolóxico do campamento urbano”. Xa pola tarde, de 16,30  ata as 19,30 horas a base do campamento urbano converterase nun parque de atraccións. 

Te puede interesar