O recorrido pola periferia e as parroquias do rural marcou a primeira xornada de campaña electoral da cidade

Os candidatos miran cara os barrios

Ramón Somoza, Isabel Pérez e Fernando Varela, en Santa Cruz de Arrabaldo.
Un por un, os candidatos de BNG, PSOE e PP á alcaldía de Ourense, irán percorrendo os barrios. A misión: achegarlle a tódolos cidadáns as ideas que poden gardar dentro de si a chave coa que abrir as portas do cargo de rexedor municipal. Onte comezou unha carreira contrarreloxo para que ninguén quede sen escoitar cada unha das propostas, cada un dos nomes e cada un dos obxectivos de Isabel Pérez, Francisco Rodríguez e Rosendo Fernández.
Debaixo do brazo levan cadanseu programa xa presentado ante a prensa e, como imaxe, os carteis que dende a madrugada de onte anuncian que as eleccións están xa aquí.

O PP nas Lagoas e Cruz Alta
Ámbolos dous barrios recibiron a visita de Rosendo Fernández. Ó primeiro mitin da súa primeira campaña como candidato á alcaldía de Ourense, o parlamentario popular acudiu xunto ós integrantes da súa lista Miguel Abad e Beatriz Tejada. Os veciños das Lagoas explicáronlle in situ as principais carencias do barrio, que pasan pola demanda de mobiliario urbano e a modernización das infraestructuras. Máis tarde, na asociación de veciños Agarimo, en Cruz Alta, Fernández escoitou tamén as peticións dos presentes. Neste caso, as queixas foron máis concretas, posto que as preocupacións céntranse no estado das rúas Orcellón e Esgos. No mitin, o candidato do PP comprometeuse a estudiar a posibilidade de 'retirar a concesión do parking do Auditorio' e, neste sentido, 'deixar unha porcentaxe de prazas para os veciños do barrio'. O edil popular Francisco Javier Rodríguez e a candidata Belén Iglesias estiveron con el.

O PSOE en Vistafermosa e no Vinteún
A candidatura encabezada por Francisco Rodríguez desdobrou os seus esforzos electorais nos barrios de Vistafermosa e O Vinteún. No primeiro deles, Rodríguez foi introducido polo docente e candidato polo PSOE nos comicios de 2007, Alfonso Vilachá. 'Arranxar axeitadamente os problemas actuais debaixo do taboleiro do acceso centro'. Con este compromiso firme, Rodríguez anunciose en Vistafermosa. De alí, o actual alcalde cruzou o río para intervir no mitin da asociación de veciños 'Rá do 21', onde o encargado de presentalo foi o número nove da súa candidatura e veciño do barrio, Antonio Rodríguez Penín. O centro cívico no Vinteún e o polideportivo de Eiroás centraron o discurso do candidato, quen lembrou os 'catro anos que levamos traballando para poñer orde na cidade'.

O BNG en Santa Cruz
A primeira xornada da campaña electoral comezou, para os nacionalistas, na Rúa do Paseo. Membros da candidatura do BNG repartiron durante toda a mañá dípticos coas principais propostas do seu ideario e exemplares do programa electoral. O paso da mañá á tarde marcou un cambio de rumbo na actividade dos candidatos do BNG. No campo de fútbol de Santa Cruz de Arrabaldo, presentados polo veciño Ramón Somoza, interviron o número tres da candidatura, Fernando Varela, e a propia Isabel Pérez. Alí explicaron as actuacións que nos últimos anos se teñen feito en materia de deportes e, como continuidade a este labor, Pérez propuxo novas infraestructuras que 'xeren riqueza a partir de distintos eventos deportivos', ademais de sinalar que 'vincular Ourense ó deporte permitirá crear postos de traballo'. O primeiro día de campaña concluiu cunha cea no restaurante Sanmiguel.

Te puede interesar