Ourense

Carlos Rego: "O Magín Blanco máis descoñecido, o rockeiro, merece recuperarse"

Ourense

Carlos Rego: "O Magín Blanco máis descoñecido, o rockeiro, merece recuperarse"

Carlos Rego (XESÚS FARIÑAS).
photo_cameraCarlos Rego (XESÚS FARIÑAS).
Rego afonda na personalidade deste autor que empezou nos oitenta co grupo La Rosa e que en 2006 deu un xiro de 180 grados á súa carreira, centrándose na música infantil

O músico e xornalista Carlos Rego (Ourense, 1965) publica "O camiño da luz", vida e obra doutro ourensán e artista, Magín Blanco (A Rúa, 1960). Rego afonda na personalidade deste autor que empezou nos oitenta co grupo La Rosa e que en 2006 deu un xiro de 180 grados á súa carreira, centrándose na música infantil. Precisamente o protagonista da publicación estrea o seu espectáculo "A nena e o grilo máis aló", xunto a Teatro Ghazafelhos, este luns ás 17,00 horas no Teatro Principal, no marco da MOTI. 

Por que unha biografía deste ourensán?

É deses encargos que parece que levas esperando toda a vida. Teño admiración pola súa obra artística e despois fíxenme amigo del. Creo que a figura de Magín merecía recuperarse, el está moi recoñecido como autor para nenos, pero hai unha parte da súa obra que está moi esquecida: a etapa do rock, co grupo La Rosa. A súa obra nesta etapa ten moitísimo valor, á altura dos mellores compositores de pop e rock de Galicia.

Cal é a esencia dese rockeiro descoñecido hoxe?

O libro chámase "O camiño da luz" porque empeza dende a escuridade. Magín facía cancións moi acústicas e melódicas, pero tiña unha visión da vida moi amarga, eran cancións de amor desesperadas, de derrota, de soidade… Ese punto foino perdendo, houbo un cambio na súa vida de cara ao público infantil, con música menos pesimista. Pasou de músico escuro a luminoso.

Por que cambiou?

Hai unha evolución moi curiosa que ten que ver co fin do grupo La Rosa, o inicio da etapa en solitario e despois a colaboración moi grande co músico de Ourense Camilo Franco. Empezou a acercarse á literatura e ao galego. Ese achegamento deu nel nunha vocación que non sabía que tiña. Fixo un primeiro libro-disco, "A nena e o grilo" Creo que non esperaba que fose o seu futuro. Ese libro tivo éxito de crítica e resposta e empezou por aí. El non quere volver atrás, xa leva catro ou cinco proxectos infantís.

A música infantil foi unha vía de escape?

Pode ser, creo que se encontrou a gusto e pensou que non tiña que estar falando sempre de angustia, desesperanza e amores que non saen. Atopou un benestar persoal e non descoidou a parte artística, están as cancións ao nivel da música que facía para adultos. Viuse moi valorado polos músicos galegos, moito máis que na época de La Rosa que foi ignorado completamente.

Que lle valoran?

Como músico, non é un virtuoso. Valoran o seu estilo persoal e inconfundible. Non é un gran cantante, pero transmite cando canta.