Complexo hospitalario Ramón Otero Pedrayo

Publicado: 17 may 2026 - 07:00

Ourense é, no pensamento preclaro de Ramón Otero Pedrayo, a alma visible de Galicia. Ninguén máis captou con tal sensibilidade a esencia dunha cidade que durante décadas simbolizou o rexurdimento cultural e intelectual da identidade galeguista. E en xusta reciprocidade, Ourense, tano a cidade como a provincia, presume da singularidade da súa paisaxe, do carácter dos seus habitantes e, especialmente, dos seus fillos máis ilustres. Foron quen de descubrir e decribir a secuencia xenética da identidade ourensá, enriquecendo a historia e a xeografía do que somos. Hoxe, os seus nomes son os marcos de rúas e prazas, centros culturais, escolas e institutos, e conmemóranse en monumentos que nos saúdan nos nosos paseos urbanos, xa sexa nunha praza ou nun xardín.

Este ano celebramos o 350 aniversario do nacemento de Benito Jerónimo Feijoo, un dos pioneiros da Ilustración en España, autor dun extenso corpus de ensaios que inclúe o seu “Teatro crítico universal”, o primeiro tratado feminista español, publicado hai exactamente 300 anos. Pero o ano 2026 é, sobre todo, o ano de Ramón Otero Pedrayo. Cúmprense os cincuenta anos da súa morte e un século da publicación da súa “Guía de Galicia”. Autor dunha extensa obra que abrangue tódolos xéneros literarios, Otero Pedrayo dedicouse á defensa de Galicia, a súa cultura e a súa lingua en tódolos ámbitos que abordou (e foron moitos). Foi merecedor do título de Patriarca das Letras Galegas, pero, sobre todo, foi un home que dedicou a súa vida a mellorar a vida dos seus contemporáneos, dende o seu traballo como profesor, tribu dende a que se revelou como un dos millores senón o mellor orador do seu tempo, ata a súa implicación na política, tarefa que levou a cabo cunha dedicación impecable e desinteresada.

Don Ramón non só é unha icona do seu tempo, senón tamén un exemplo para as xeracións posteriores e futuras. Esta celebración do Ano Oteriano é unha insólita oportunidade para revisitar e lembrar as súas ensinanzas e, feito isto, a obriga inmediata de reforzar o noso recoñecemento a un dos nosos fillos máis ilustres da galeguidade.

O noso complexo hospitalario, ese CHUO de iniciais propias dunha IA sen IE (intelixencia emocional) reclama unha revisión do seu DNI

Casualmente ou, seguramente non, no Ourense de don Ramón estamos a asistir á modernización do complexo hospitalario, longa demanda agora máis preto de converterse en realidade. Falamos dunha infraestrutura pública de máxima importancia para a cidadanía, pola súa dimensión en superficie construída, polo número de traballadores, pola masiva asistencia cotiá de usuarios, pero por riba de todo, polo seu carácter vital, no sentido máis literal da palabra, do servizo que presta cada día. É merecente dun nome de máxima relevancia, máis aló do mero acrónimo de CHUO, dunha etiqueta que engrandeza e afonde na humanización do máis imprescindible dos servicios públicos que nos asisten, como xa temos visto noutras cidades do mundo. Dende Vigo, por poñer o exemplo máis próximo co Hospital Álvaro Cunqueiro, pasando polo Juan Ramón Jiménez de Huelva, ata o Hospital Universitario Johann Wolfgang Goethe de Frankfurt

O noso complexo hospitalario, ese CHUO de iniciais propias dunha IA sen IE (intelixencia emocional) reclama unha revisión do seu DNI. E que mellor oportunidade para pechar o círculo que a de cementar o seu futuro rendendo homenaxe a un xenial escritor, intelectual, galeguista, Patriarca das Letras Galegas, e home dunha humanidade inconmensurable como é Ramón Otero Pedrayo.

Sería, sen negunha dúbida, o mellor colofón para encintar este ano adicado a don Ramón, un intelectual universal e imprescindible referente de Ourense. Sería o bautismo perfecto para un servizo público universal e imprescindible referente de Ourense en pleno proceso de renovación.

Contenido patrocinado

stats