CRÓNICA

Carros cargados de historias

photo_camera experienAvelina Rey, Olga Pérez, María del Mar Dacal, Mari Luz Crespo e Sheila Rodríguez con algún dos usuarios da residencia Santiago Apóstol

Os maiores da residencia Santiago Apóstol, sita en Vilamarín e que pertence á Fundación San Rosendo, participaron onte nun obradoiro no que tiveron a ocasión de facer un mural cas partes do carro das vacas.

Un grupo de 10 usuarios da residencia para persoas maiores Santiago Apóstol, sita en Vilamarín, participou onte nun obradoiro no que lembraron algunhas das partes que compuñan o tradicional carro das vacas, un dos apegos da labranza de mais sona no rural galego. Entre tódolos participantes, fixeron unha posta en común das distintas denominacións que reciben cada unha das pezas deste trebello. "Foi unha actividade bastante laboriosa porque cada un é dunha zona e chamáballe de diferentes maneiras a unha mesma peza. Por exemplo, uns falaban de estadullos e outros de fungueiros ao referirse ás estacas de madeira que se empregaban para suxeitar a carga", explicou Avelina Rey, directora do centro para pacientes válidos e asistidos, que pertence á Fundación San Rosendo.

Arrastrado por unha parella de vacas ou bois, o carro foi o seu medio de transporte principal e séntense verdadeiros maestros á hora de falar deste aparello tan empregado nas labores agrícolas e gandeiras. "Eles, de novas tecnoloxías non entenden, pero no tema do carro están moi seguros e parece que che están dando unha clase a ti", explicou Sheila Rodríguez, educadora da residencia.

Para a preparación da actividade, as monitoras ensináronlles aos maiores fotografías de carros e preguntáronlles que parte era cada unha delas. "Tardamos dúas mañás en realizar o mural porque non se puñan dacordo", explicou a directora. Os usuarios tamén poideron compartir as súas experiencias e lembranzas de cando xunguían os animais para sementar as patacas ou o maíz. "Teñen moitos recordos e aínda se botaron algunhas risas ao lembrar cando caían do carro ou se enfadaban cas vacas porque ao arar, os regos non saían perfectos", dixo. Outros, en cambio, din que botaron varias noites sen durmir vixiando as vacas para asistilas cando estaban xa listas para parir. Dende o punto de vista dos beneficios deste obradoiro, os usuarios tiveron a oportunidade de estimular a memoria a longo prazo e traballar áreas como a da linguaxe.

"Este exercicio tamén lles permitiu mellorar a súa autoconfianza ao ter a ocasión de poder relatar as súas vivencias no campo xa que eles viviron con gran intensidade o tema do carro", dixo Sheila. Este tipo de actividades tamén son unha forma de cooperación entre os usuarios, que os fai sentir útiles e valorados polos que os rodean. "Trátase dunha experiencia moi positiva para eles porque son xente do rural que coñece moitísimo o mundo do carro polo que para eles é moito importante que alguén valore os seus coñecementos relacionados con esta temática", dixo a directora.

A xornada de onte enmárcase dentro do Proxecto Experiencia Activa, unha iniciativa que naceu en Ourense co obxectivo de promover o envellecemento activo. Foi posta en marcha pola Fundación San Rosendo e o periódico La Región e que conta co apoio de Inditex.

Te puede interesar