REPORTAJE

O "chío" da Ribeira Sacra

No marco do Día Mundial do Turismo, a Xunta promoveu un encontro na Ribeira Sacra para promocionar o potencial paisaxístico e ornitolóxico deste entorno que aspira a ser Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco

A Ribeira Sacra e os Cañóns do Sil son a mestura perfecta para deleitar todos os sentidos. As impoñentes paisaxes que se observan dende os distintos miradoiros deste enclave seducen, sen dúbida, todas as miradas. Pero se imos máis aló e, unha vez subidos a Cabezoás ou aos Balcóns de Madrid, pechamos os ollos, percatarémonos dun lixeiro e agradable son que deleitará, do mesmo xeito, o noso oído: o chío das aves da contorna. 

A riqueza ornitolóxica deste lugar único, é inmensa: anduriñas, aves rapaces, paporrubios, merlos, ou curuxas, son só algúns exemplos. Os cormoráns, especies migratorias, están chegando agora a esta zona montañosa onde tamén campan ás súas anchas os estorniños ou as aves roqueiras -así denominadas por voar e habitar en zonas rocosas-. Precisamente e para dar a coñecer máis a bioloxía destes paxaros, os seus hábitats e comportamentos, así como o potencial da zona da Ribeira Sacra, o seu Consorcio, en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo,  promoveron unha xornada especial e divulgativa que estivo enmarcada dentro da celebración do Día Mundial do Turismo. 

A vindeira semana, ademais, conmemorarase, do mesmo xeito, o Día das Aves. 

Con esta data marcada en vermello no calendario, a Organización Mundial do Turismo -OMT- anima a "fomentar a concienciación respecto da contribución real e o potencial do turismo ao desenvolvemento sustentable". Por este motivo e, logo de que o pasado ano fora Sálvora -no Parque Nacional das Illas Atlánticas- o lugar para conmemorar este día mundial, nesta ocasión foi a quenda para a Ribeira Sacra -tamén candidata, ao igual que a primeira, a obter o distintivo de Patrimonio Mundial pola Unesco-.

A visita, dirixida a profesionais da prensa, partiu do Miradoiro de Cabezoás, onde os participantes puidemos observar, grazas a uns prismáticos, a grandeza e voo das especies avícolas da contorna. Neste senso e mediante a aplicación móbil gratuita Galicia Birding pódese coñecer máis sobre estas especies, ver fotografías e acceder a unha completa información da zona dos Cañóns do Sil. Esta opción é gratuita e foi posta en marcha pola Xunta de Galicia hai preto de dous anos. 


Xeocatching


Na sesión tamén houbo tempo para realizar unha actividade de xeocatching ou, o que é o mesmo, tratar de xeolocalizar, mediante un dispositivo, os "tesouros" que algúns visitantes deixaron tralo seu paso pola Ribeira Sacra. A visita continuou polos Balcóns de Madrid. Nesta zona consérvase intacto un dos antigos "foxos dos lobos" onde estes animais eran introducidos atraídos por ovellas. Toda unha historia viva, que merece a pena coñecer in situ. 

A actividade contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz. 

Te puede interesar