CxG pídelle ó pobo que lle 'devolva o castigo' a Feijóo

O voceiro de Compromiso por Galicia, Xosé Manuel Pérez Bouza. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
O voceiro de Compromiso por Galicia en Ourense, Xosé Manuel Pérez Bouza, compareceu ante os medios de comunicación para facer balance do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, que considera o presidente que 'máis castigou' á provincia de Ourense despois de enumerar unha serie de proxectos e promesas que quedaron sen executar durante o seu mandato. Por iso, Pérez Bouza fixo un chamamento ós ourensáns para pedirlles que lle 'devolvan o castigo' ó actual presidente da Xunta 'retirándolle o seu apoio' na convocatoria de eleccións do día 21 de outubro.
'A valoración da xestión deste Goberno é profundamente crítica e negativa para os intereses da nosa provincia', explicou o membro da nova forza política. Para demostrar con argumentos as súas palabras, Xosé Manuel Pérez Bouza lembrou 'datos que demostran este fracaso'. Referiuse, deste xeito, á 'paralización de proxectos fundamentais' para Ourense como son a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a conexión dos polígonos de San Cibrao e Pereiro de Aguiar -'únicos do Estado, que eu coñeza polo menos, sen unha vía de alta capacidade'-, os plans de regadío da Limia, o Museo do Viño do Ribeiro ou a reforma da Praza de Abastos.

Unha mención especial mereceulle a Pérez Bouza 'o plan estrela que Feijóo lle vendeu ós cidadáns'. Trátase do Plan Impulsa, que se prometeu co obxectivo de promover a economía, crear postos de traballo ou facer que 'proxectos empresariais importantes se asentaran na nosa provincia', segundo rememorou o tamén exsenador. 'A día de hoxe -continuou- nin eles se atreven a facer balance dese plan porque é un absoluto fracaso'. As consecuencias da xestión do Goberno de Feijóo non fixeron máis ca 'impulsar a Ourense cara a desertización económica e social'.

O representante de CxG lamentou que durante os últimos tres anos e medio non formularan 'nin unha soa iniciativa nin proxecto'. Para esta formación é de salientar tamén que algúns que procedían da anterior lexislatura, como é o caso da autovía a Celanova ou o edificio xudicial da cidade, 'non foron quen de rematalos'.

Tódolas iniciativas lembradas onte por Xosé Manuel Pérez Bouza amosan 'a falta de interese e compromiso' da Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo coa provincia de Ourense.

Te puede interesar