CULTURA

O escritor de Vilalba Agustín Fernández Paz acada o Premio Trasalba


Cada ano a fundación Otero Pedrayo entrega este premio no transcurso da festa anual que organiza na casa museo

O escritor Agustín Fernandez Paz é o gañador do Premio Trasalba 2014, que cada ano entrega a Fundación Otero Pedrayo, no transcurso da festa anual que organiza na casa museo, en Trasalba, o derradeiro domingo do mes do xuño.

A decisión foi acadada por unanimidade pola xunta de goberno da institución, logo de considerar propostas que chegaron tanto dende dentro como dende fóra da fundación.



Lectores novos

Os promotores do premio, que este ano chega á edición número 32, valoraron moi especialmente a significación de Agustín Fernández Paz no eido da literatura dirixida aos lectores máis novos, ámbito no que o autor ten acadado recoñecida sona, así como o seu compromiso coa lingua e os movementos de renovación pedagóxica que empezaron a desenvolverse a partir dos anos 80, un eido que ata agora non fora considerado na nómina de Premios Trasalba, o que sen dúbida os enriquece.

O escritor Francisco Castro será a persoa encargada de escribir a laudatio do galardonado e a fundación prepara para a ocasión un libro homenaxe, publicación tradicional tamén nos últimos anos, arredor da personalidade e traxectoria biografía de Fernández Paz.

O premio ten carácter honorífico e está representado por unha figura de bronce do patriarca das Letras Galegas, obra do escultor ourensano Manuel Buciños.

Na edición anterior a persoa homenaxeada foi a gaiteira Cristina Pato, que estará presente na celebración e dará o relevo a Agustín Fernández Paz.

Te puede interesar