O Inorde cederá á Universidade 40 leitóns desta raza para establecer as idades de sacrificio idóneas

Un estudio científico analizará a productividade do porco celta e o mellor xeito para incrementala

Un estudio da Universidade de Vigo, realizado en colaboración co Inorde, analizará a productividade do porco celta. A análise establecerá o efecto da utilización da castaña na dieta de finalización e da idade de sacrificio na calidade da carne.
O Inorde cederá 40 leitóns de porco celta ó Campus de Ourense da Universidade de Vigo co obxectivo de que a Universidade realice un estudio para analizar a productividade desta raza. A través dun convenio asinado por ámbalas dúas entidades, búscase establece-lo efecto da idade de sacrificio e da utilización da castaña na dieta de finalización sobre a calidade da canle e da carne do porco desta raza.

Na análise, empregaranse os leitóns, machos e femias, que foron destetados e castrados ós dous meses. Ensaiaranse dúas idades de sacrificio (14 e 17 meses) e dúas dietas de finalización, nos tres últimos meses de ceba, con penso e castañas.

O porco celta constitúe, segundo o Inorde, un patrimonio xenético, así como unha opción de diferenciar e prestixia-la cabaña porcina galega e ourensá. Deste xeito, a institución ten en funcionamento na actualidade un programa de protección e recuperación desta raza.

Namentras, a Universidade de Vigo está a desenvolver un proxecto de investigación para establecer as bases científicas que permitan mellora-la productividade da raza e o emprego de recursos autóctonos para a súa alimentación. En definitiva, ambas entidades buscan definir con precisión os medios máis axeitados para lograr a maior productividade posible en todo o que atinxe á raza de porco celta.

Te puede interesar