Os facultativos afirman que é unha enfermidade 'cada vez máis frecuente' con 'menor mortaldade' polo diagnóstico precoz

O Hospital de Ourense detectou 800 novos casos de cancro de mama nos últimos 4 anos, cada vez en mulleres máis novas

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) detectou, nos últimos catro anos, un total de 800 novos casos de cancro de mama na provincia, grazas a un equipo multidisciplinar integrado na vía rápida para a prevención, diagnóstico e tratamento desta enfermidade.
Con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama -que terá lugar este venres-, a xerente do CHUO, Eloína Núñez, deu a coñecer a actividade e proxectos dos departamentos directamente implicados no tratamento desta enfermidade para mellorar este proceso asistencial en Ourense.

Na súa intervención, Eloína Núñez, explicou que a vía rápida de integración para a prevención, diagnóstico e tratamento do cancro de mama foi posta en marcha o 26 de xuño de 2010 e ata a data pasaron por esta un total de 1.733 mulleres das cáles o 82 por cento (1.417) obtiveron un resultado negativo, mentres que o 18 por cento restante (291 mulleres) foron casos positivos.

Neste sentido, explicou que o tempo medio de resposta para confirmar 'a negatividade desas mulleres' foi de '10 días' mentres que os casos positivos, 'dende que a muller acode ao seu centro de saúde e entra na vía rápida', foi de 21 días.

Pola súa banda, o Xefe da Unidade de Cirurxía de Mama do CHUO, Camilo Álvarez, quixo transmitir unha mensaxe de 'tranquilidade' a todas as mulleres con motivo da conmemoración do día Mundial xa que o hospital ourensano conta cunha Unidade de Cirurxía mamaria que se puxo en marcha 'a finais dos anos 80' e que aínda que comezou cunha 'consulta semanal' na actualidade conta con '9 consultas semanais'.

Neste sentido, apuntou a que entre 50 e 60 mulleres pasan consulta nesta unidade cada semana e engadiu que nos últimos anos este tipo de cancro experimentou un aumento de casos e cada vez en mulleres máis novas polo que un diagnóstico precoz é fundamental para tratar esta enfermidade'.

Camilo Álvarez sinalou que o cancro de mama se converteu nunha enfermidade 'moi frecuente' aínda que a mortalidade tende a ser 'menor' grazas ao diagnóstico precoz e as 'melloras' nos tratamentos.

Te puede interesar