PREMIOS COMERCIO GALLEGO 2026
Galicia ensalza la resistencia de su comercio tradicional
Diarios do pasado
É gratificante ver polo Nadal aos nenos visitando o Belén do escultor Arturo Baltar, na capela de San Cosmede e Damián, polo menos antes desta inacabable pandemia. O Nacemento, cargado de escenas populares do noso rural, conta con táboas decoradas de Virxilio e murais de Quessada. Toda unha afortunada confluencia de artistas, obras e estilos. Pero agora queremos centrarnos noutro aspecto da capela, situada diante dunha das desaparecidas portas medievais da cidade. É un edificio renacentista, fundado na primeira metade do s. XVI, concretamente no ano 1528, polo cirurxián Juan de Lares e a súa dona. Na obra, como lembraba a académica Olga Gallego, traballou de canteiro Jácome de Moure, avó do escultor Francisco de Moure. Fíxense na sobria e fermosa fachada plateresca, rematada nun pinche triangular, adornada cun rosetón e un campanario situado nun lateral. Nela sobresaen ademais unha serie de figuras escultóricas. En posición destacada, sobre a clave do arco carpanel que ornamenta a porta de acceso, aparecen os santos aos que aquel cirurxián dedicaba a capela. Non en van os irmáns Cosmede e Damián, entre outras profesións, son patróns dos médicos, particularmente de los cirurxiáns, dos farmacéuticos, dentistas e ortopédicos. Tamén dos traballadores dos balnearios. Sen dúbida bos avogados para o Ourense termal.
Antes de comentarlles as figuras esculpidas na fachada da capela, permítanme un par de apuntes haxiográficos e históricos. Os dous médicos e santos mártires, viviron a cabalo entre os ss. III e IV d. C., e morreron martirizados durante as persecucións dos emperadores Diocleciano e Galerio, nos inicios do s. IV. Acontecería na cidade de Exea, en Asia Menor, cando era gobernador romano de Cilicia o prefecto Lisias. Foron torturados con frechas, con lume, con pedras e padeceron outros tormentos, sobrevivindo a todos ata que os decapitaron. Na figura escultórica que loce sobre a porta poden ver aos irmáns médicos sentados, prendidos polos pés cun cepo e asistidos por un anxo, seguramente antes de ser decapitados. Na xamba dereita da porta, segundo miramos, sobresae a escultura dun individuo ao que lle sae (ou entra) un lagarto pola boca, unha alegoría da enfermidade. Pero a escultura que agora queremos destacar é a que aparece na xamba esquerda da porta. Representa a un home coa túnica remangada e ensina a perna dereita por riba do xeonllo. Ao noso entender, esa persoa é o diácono Xustiniano e simboliza un dos milagres máis coñecidos dos irmáns médicos, ao que Cosmede e Damián lle practicaron o transplante dunha perna dun criado negro que acabada de morrer.
E pode ser porque así o narra a Lenda Dourada do beato Jacopo della Voragine. O diácono estaba moi grave polos padecementos nunha perna, seguramente causados por unha avanzada isquemia. Xustiniano orou pola súa sanación, encomendándose á memoria dos irmáns mártires. No medio do sono, apareceron xunto á súa cama os dous, Cosmede e Damián, provistos do instrumental cirúrxico necesario. Amputáronlle a perna e substituírona pola do criado que recén falecera e transplantándolla con éxito, sanando ao diácono.
Dean vostedes unha volta pola praza de San Cosmede e Damián e desfruten contemplando a capela, aínda que sexa por fora. Alí están as figuras cargadas de simbolismo médico e sanador, encargadas por un cirurxián do s. XVI que quixo deixarnos o seu legado.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PREMIOS COMERCIO GALLEGO 2026
Galicia ensalza la resistencia de su comercio tradicional
TIRÓN INMOBILIARIO
La compraventa de vivienda apunta a otro año de récord en Ourense
Lo último
ACCIDENTE FERROVIARIO
Al menos diez fallecidos en el choque entre dos trenes de alta velocidad en Toledo