Navidad en Ourense | A Lamela, a aldea de Pereiro que compite coa Mioteira en luces

photo_camera Así es la decoración navideña de la aldea de A Lamela, en Pereiro de Aguiar.
“Aínda que lles doia aos da Mioteira, nós empezamos antes”, asegura a veciñanza da aldea da Lamela, no concello de Pereiro, que se engalanou un ano máis para pasar o Nadal.

Na Lamela, unha aldea de Pereiro de Aguiar, o Nadal é unha época especial. Aquí, preto de 15 veciños empregan “horas e horas e horas” do seu tempo para facer deste pequeno núcleo un atractivo nestas festas. Ademais, deixan clara unha cousa: “A aldea que se coñece por isto é A Mioteira, pero nós, aínda que lles doia, empezamos antes”. Se a decoración do Nadal invadiu A Mioteira no ano da pandemia, veciños desta aldea do Pereiro arrancaron en 2019.

É o caso de Luis Soto e Daniel Ansia, que viven na parte de abaixo da Lamela, os que arrancaron con esta iniciativa. “Ao principio foi un pouco de broma, pero cada ano adicámoslle cada vez máis cartos e cada vez máis tempo”, indica Soto. Na súa vivenda, ademais dunha gran cantidade de iluminación, hai amenización musical cando se acenden as luces, ao caer o sol. Na casa de Ansia, “o verdadeiro artista é o meu fillo, que foi o que me animou a entrar nisto”. Como novidade deste ano, instalaron ao pé da súa vivenda un pequeno buzón para que os cativos que pasan pola estrada para ir á escola deixen a súa carta a Papá Noel. “Tardamos varios días en facelo, porque todo está producido a man”, subliña. Entre outros elementos, destaca unha árbore de luces led ou algunhas fachadas de vivendas. 

Así, “co tempo, cada vez foise sumando máis xente e o certo é que lle dá moito ambiente ao pobo estes días”, indican. Ademais, “cada ano estamos pensando en cousas novas para mellorar o do ano anterior. Xa estou pensando en poñer algo no tellado da casa para o ano que vén. Aínda non sei o que, pero algo se me ocorrerá”, ri Ansia. Para igualar o despregamento da aldea de San Cibrao, non descartan “traer á churrería para animar todavía máis o ambiente”.

Te puede interesar