Luke Bishop: "En EEUU, se saben algo de Galicia é polo Xacobeo"

É un filólogo norteamericano que chegou a Ourense para facer un estudo pioneiro sobre neofalantes de galego

Luke Bishop, chegado a Ourense na búsqueda de neofalantes. (XESÚS FARIÑAS)
Luke Bishop, chegado a Ourense na búsqueda de neofalantes. (XESÚS FARIÑAS)

Luke Bishop naceu hai 27 anos na cidade West Des Moines (Iowa, EEUU). E, por casualidades da vida, terminou converténdose nun namorado do galego. Este verán viaxou ata Ourense na busca de neofalantes, é dicir, persoas que creceran falando castelán na casa e nalgún momento optaron por falar galego. Segundo argumenta o filólogo, faltan estudios ao respecto na literatura científica, que se centran nos neofalantes de Vigo ou Santiago de Compostela. Leva varios días realizando entrevistas no centro da cidade.

Cal é a súa conclusión despois dos primeiros encontros?

Levo varios días de entrevistas, e a verdade e que estou atopando moita variedade. A xente convértese en neofalante con diferentes motivacións: razóns políticas, vínculos familiares, sentir o orgullo de falar a lingua da súa terra... Estou moi contento de poder analizar todo isto.

Como xurdiu a súa primeira toma de contacto con Ourense e Galicia?

No ano 2015 estaba facendo a carreira de Linguas Romances na Truman State University (Misuri), e pedín un intercambio en Vigo porque quería coñecer algún territorio bilingüe de España. En Vigo fixen un curso de galego para estranxeiros, e encantáronme a lingua e a cultura galegas. Despois de terminar a carreira, tiña moita morriña de Galicia, así que pedín unha bolsa Fulbright para volver, e esta vez mandáronme a Ourense, e traballei no IES Otero Pedrayo. Cando regresei a EEUU, completei un máster en Lingüística Hispánica na Universidade de Wisconsin (Madison), e agora estou continuando os meus estudos cun Doutoramento en Lingüística Iberoamericana na Universidade de Austin, Texas.

Este verán está de volta en Galicia.

Resido en Santiago de Compostela cunha bolsa da miña universidade para estudar o galego, e aproveito para facer investigación. Nos EEUU, os doutoramentos duran cinco anos, e os primeiros tres son de clases. Eu acabo de rematar o meu segundo ano, polo que aínda non comecei a tese, pero estou facendo un estudo piloto sobre neofalantes en Ourense, coa idea de retomar estes mesmos datos no futuro.

E en que consiste este estudo centrado na cidade de Ourense?

Interésame todo o relacionado cos neofalantes. Polo momento, a meirande parte dos traballos de investigación sobre este asunto teñen como ámbito de estudo as cidades de Vigo e Santiago. Encántame Ourense, e coñecín a varios neofalantes durante o meu ano aquí, polo que a miña meta con este estudo piloto é poder presentar un contexto distinto dos neofalantes da cidade de Ourense. E, cando regrese á cidade no futuro, espero poder traballar con grupos de mozos nos institutos, e representar tamén aos neofalantes fóra de contextos urbanos, noutras partes da provincia. Pero este verán céntrome na realización de entrevistas na cidade. Se es neofalante de Ourense, podes mandarme unha mensaxe a lukebishop@utexas.edu. Tentarei acumular o número máis amplo posible de perfís.

E que cre que teñen Galicia e o galego para despertar en vostede esta paixón?

Na miña opinión, Galicia ten unha cultura e unha paisaxe vibrantes. É hospitalaria, e invita aos de fóra a participar, pero ao mesmo tempo non cambia a súa esencia, é moi auténtica. Camiñas de noite polas rúas e atopas a músicos tocando nos barrios. Ás veces, cando viaxas a outros lugares, atópaste con sitios ‘feitos para os turistas’, que, precisamente, perderon a súa identidade no desexo de adaptarse. Galicia non ten que adaptarse para ser emocionante e fermosa. Iso encántame, é o que máis destaco.

Que grao de coñecemento de Galicia teñen en EEUU?

A xente de EEUU non sabe moito de Galicia, ao igual que o meu estado, Iowa, non é moi coñecido aquí. Cando os estadounidenses falan de España, pensan nas grandes cidades e lugares máis turísticos. E, se saben algo da terra galega, é polo Camiño de Santiago. Polo tanto, sempre é un pracer ensinar a diversidade de España e os seus lugares máis enxebres. De feito, o meu amor por Galicia vén tamén do afeccionado que son polo monte. Encántame facer sendeirismo, explorar. Os meus pais e algúns familiares visitáronme en Ourense, e leveinos ás termas. Desta cidade encántame que está chea de xente desfrutando dunhas tapas nos bares, tomando algo, rindo... É unha cidade moi especial e chea de vida. Encántame Galicia pero a miña casa está en EEUU. Iso si, encantaríame vir tódolos veráns.

Contenido patrocinado

stats