Manuel Baltar: "O Partido Popular non pactará con Jácome"

El presidente de la Diputación de Ourense, Manuel Baltar, ha acudido a la redacción de La Región para hablar sobre 'Los audios de Jácome'. Para él, estas grabaciones "invalidan para a xestión e a política" al alcalde de Ourense

O presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, critica a “gravidade” do contido dos audios de Jácome publicados por La Región, nos que o alcalde da cidade presume de saber blanquear diñeiro e fala de financiación “en A e en B”, entre outros comprometidos asuntos. O presidente da Deputación asegura, na liña do mantido polo candidato popular á alcaldía, Manuel Cabezas, que o PP non volvería pactar con Jácome tras estas gravacións.

Unha das cuestións que nos ocupa estes días é a publicación, por parte de La Región, dos audios de Jácome. O PP xa denunciou ante a Fiscalía Provincial este asunto.

Si. Foi unha denuncia do partido a nivel provincial, con carácter contundente e dando conta desa situación gravísima, que pon de manifesto a presunta ou presumible comisión de determinados delitos, que non se poden admitir en ningún caso, son absolutamente denunciables. De feito, facémolo diante da Fiscalía e, polo tanto, perséguese deixar en evidencia, con claridade, que este tipo de xestión é absolutamente inxustificable.

Como valoran o contido destes audios e que en rolda de prensa o alcalde culpara a diversas empresas, a PP, ao PSOE…?

A valoración que podemos facer é a que pode facer calquera cidadán cabal. Calquera que asistira á rolda ou ouvira eses audios, nos que se poñen de manifesto cuestións presuntamente delictivas, porque ata que o diga un xuíz non o imos anticipar, pero evidentemente invalidan para a xestión e a política a aquel que cometa este tipo de cuestións.

Outros partidos din que o asunto xa está nas mans da xustiza, que é a que ten que tomar decisións. Pero tamén hai unha certa responsabilidade política e un peso, non só para falar diso, senón para trasladarlle á cidadanía a posición do resto de partidos.

Cando no 2019 chegamos a un pacto de goberno con Democracia Ourensana, foi un acordo que se tomou con aval da dirección autonómica, e era un acordo que perseguían tódalas formacións políticas. Todos se reuniron con Jácome para pactar e para levar a cabo un mandato que, evidentemente, ninguén desexaba que tivera todas estas… xa non digo turbulencias, pero como mínimo irregularidades. Polo tanto, durante este tempo fúmonos do goberno ante a posta de manifesto por parte de concelleiros do seu propio partido político de cuestións que se consideraban gravísimas. Pero a xustiza non o viu así. Volvemos a ese goberno, pero o que temos claro é que despois destes audios e de poñerse en evidencia este tipo de comportamentos, evidentemente, tal e como ten sinalado en multitude de ocasións o noso candidato a alcaldía, Manuel Cabezas, pois non é posible pactar con Jácome. E, polo tanto, o PP non pactará con Jácome. O que vai a pactar é cos veciños de Ourense, co maior número posible deles antes do 28 de maio, para facer alcalde ao que xa foi o mellor alcalde de Ourense, Manuel Cabezas.

Jácome foi preguntado polos xornalistas sobre a posibilidade de repetir ese pacto, ao que respondeu que si. Que estaría disposto a pactar de novo co PP, con Baltar e con quen fose necesario.

Son declaracións súas. Eu creo que o vivido este tempo en Ourense, co seu mandato, fala por si só. Tódalas consecuencias dese tipo de xestión, coa vista á luz deses audios, deixan en evidencia a quen pronunciou esas palabras e presuntamente se adicou a esas cuestións, que son gravísimas. E, polo tanto, o PP, seguindo o criterio xa formulado por Cabezas cando se fixo presidente do partido na cidade, en absoluto vai a chegar a acordo calquera de goberno con Jácome. Pero este tempo, precisamente, estamos buscando a maioría absoluta que apoie a Cabezas como alcalde de Ourense.

Comeza a campaña electoral de cara ao 28M, que vai estar marcada por estas circunstancias, por estes audios que se foron publicando e polas informacións que, inevitablemente, van formar parte da campaña de tódolos partidos.

Evidentemente é unha noticia que trascende o ámbito local e chega a ter carácter nacional pola gravidade dos feitos, polo que nós durante a campaña imos adicarnos a pedirlle á xente a confianza para volver a recuperar unha senda de progreso, de ambición de cidade, que tivo xa co único alcalde que consegiu a maioría absoluta por tres veces consecutivas. E ese é o pacto do Partido Popular con Ourense. É ao que nos imos adicar estes días de campaña para inaugurar unha nova etapa de dignidade no Concello de Ourense, de proxectos, de realidades e, por suposto, de seriedade, de rigor e de compromiso.

Te puede interesar