LOTERÍA DE NAVIDAD
El Gordo, el 79432

María Jesús Lorenzana: “A mina de Penouta conta con todas as garantías ambientais por parte da Xunta”

María Jesús Lorenzana é conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia

Publicado: 05 nov 2023 - 06:25 Actualizado: 06 oct 2025 - 18:23

Entrevista con María Jesús Lorenzana

María Jesús Lorenzana leva catro meses á fronte da consellería de Economía, Industria e Innovación, substituíndo ao anterior conselleiro e vicepresidente da Xunta, Francisco Conde. Este é o segundo departamento que dirixe na administración autonómica, xa que estivo dende setembro de 2020 ata xuño deste ano como conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, onde foi reemplazada por Elena Rivo. Aínda que as vindeiras eleccións galegas xa se albiscan no horizonte, Lorenzana quere deixar pegada, e unha das súas principais apostas é a territorialización do solo industrial en función das potencialidades de cada comarca.

Que novidades traen os orzamentos de 2024 para o seu departamento?

Destacar, en primeiro lugar, que son 435 millóns de euros, un pouquiño máis ca o ano pasado. Crecemos na medida que o fai a Xunta de Galicia. Un pouco máis, por riba do 5%, co cal creo que é unha boa noticia. Isto evidencia a aposta que está facendo o goberno galego por este ámbito. As novidades que incorporamos van un pouco na liña que xa anunciou o presidente no debate do Estado da Autonomía. Aí anunciáronse medidas dunha nova política económica e industrial que ten dúas partes fundamentais: redución da burocracia e ampliar as medidas de financiamento para as empresas. Todo isto nun marco moi claro, que resume toda a finalidade coa que se fixeron estes orzamentos: facer de Galicia un polo de atracción de empresas dentro de toda a Península Ibérica. Que pretendemos con todas estas medidas? Queremos non soamente igualar, senón competir cara cara con Portugal, sobre todo co norte, pois agora mesmo é unha clara competencia para as empresas. Tamén queremos competir co resto das comunidades autónomas, de xeito que as empresas que están aquí instaladas continúen crecendo en Galicia, isto é, non se deslocalicen. E en segundo lugar, queremos atraer novas empresas e nova industria.

Que inversións territorializadas ten en Ourense?

O noso orzamento é moi transversal, pero si temos inversións concretas. Por exemplo, a Tecnópole. Nestes orzamentos van 2,2 millóns de euros para o convenio de apoio a cinco centros tecnolóxicos, máis de cen empresas e a xeración de moitísimo emprego e, sobre todo, emprego vinculado á innovación. Pero neste caso creo que é importante a estratexia de atracción empresarial da que falaba antes, xa que se establece a nova estratexia industrial da comunidade. Nesta estratexia pártese dun mapa industrial que pretende territorializar a situación da industria e, sobre todo, ver as posibilidades que teñen as distintas comarcas e as necesidades que ten cada territorio. Isto é moi importante á hora de ir localizando novas industrias que queiran crecer. Isto require coñecer moi ben que solo empresarial temos, que oportunidades e sinerxías se poden crear. Por exemplo, o caso da Tecnópole ten unha achega clara cara ás empresas dende o punto de vista da innovación. Nese mapa localizaremos o que agora mesmo temos partindo da situación que hai e tamén das necesidades de loxística de transporte, de xeito que podamos ir facendo un crecemento industrial ordenado e equilibrado entre a totalidade do territorio. Isto ten importancia para Ourense, xa que ten algunhas vantaxes clarísimas. Por exemplo, o tren a Madrid.

Isto é, especializar cada comarca no que pode destacar.

Sabemos que en Ourense, por exemplo, destaca e o sector da pizarra. Destacan tamén as industrias auxiliares da automoción. Temos que saber coller a especialidade que ten cada territorio e potencialo.

En que consiste a nova Oficina Económica de Galicia?

Esa é unha das medidas desa redución da burocracia da que falabamos. Ata agora implementáronse medidas de atención ou ventás únicas, pero é certo que existían varias. Isto deuse porque se foi evolucionando e fóronse creando distintas ventás coa vocación de ser únicas. Que pretendemos con isto? Eliminamos todas as que existían, que eran cinco ou seis, e todas quedan refundidas nunha única, que é a Oficina Económica da Xunta de Galicia, xestionada polo Igape. Quero destacar que non é un mero call center, senón que aí hai persoas especializadas que poden dar unha atención dependendo da problemática da empresa. Destacaría en segundo lugar que se está a traballar para incorporar a intelixencia artificial nos procedementos, de xeito que se axilice a relación co administrado en toda a tramitación das axudas e dos préstamos que está dando o Igape. A inversión será de 5,7 millóns de euros entre persoal especializado e estas ferramentas de IA. Iso si, cando haxa un novo proxecto industrial que xa teña vocación de asentarse en Galicia, este pasará directamente á estratexia industrial, que ten un plan propio de aceleración. Neste apartado teñen cabida os proxectos que teñan unha inversión de máis de 800,000 euros e máis de 25 empregos. Con iso garantimos que a tramitación vai estar lista nun ano.

Está mediando a Xunta no conflito da paralización da mina de Penouta? Que solución hai para estes máis de cen traballadores?

Dende Xunta de Galicia traballamos sempre cos comités de empresa en calquera conflito que exista. Primeiro coñecemos as súas necesidades, despois falamos coas empresas para tratar de conservar e o emprego. Neste caso en concreto e no que a min me toca, hai que destacar que a mina de Penouta ten unha declaración de impacto ambiental que se tramitou durante dous anos, 20 e 21. É unha mina que conta coa totalidade das garantías ambientais, independentemente do que agora vaia examinar a xustiza. Quero destacar iso, que non é unha mina sen tramitación. Ademais, dentro do proxecto conta cun plan de restauración. Isto é, ademais de estar cos traballadores, tamén defendemos o tramitado dende a Xunta, un documento que establece que a mina pode ser explotada, polo que pode manterse o emprego. Por suposto que recibiremos e traballaremos cos traballadores, buscando a fórmula de manter o emprego, para que ningún traballador quede fóra.

Outra cuestión relacionada coa xustiza. Está habendo paralizacións de parques eólicos de forma constante. Están os inversores preocupados por esta cuestión? Hai risco de que marchen de Ourense e de Galicia?

Ese risco existe por esa cuestión que menciona. A cuestión dos proxectos eólicos, que, ao final, é a aposta pola enerxía renovable en Galicia, ten moitísima relevancia, xa sen contar o cumprimento da axenda enerxética ou do Plan Nacional de Enerxía e Clima, que establece un nivel de descarbonización ao que temos que chegar. Así, ten unha parte moi importante en materia medioambiental, pero tamén no eido industrial. Precisamente o desenvolvemento da enerxía renovable é o que vai permitir abaratar os custes enerxéticos, e, polo tanto, ter unha enerxía máis competitiva. Que pode ocorrer se non se xera unha seguridade xurídica nesta materia? Que as empresas de fóra, cando estean pensando en investir, invistan noutros territorios que si teñan esa seguridade. Pero tamén corremos o risco de que as empresas que están xa aquí se deslocalicen e vaian a outros territorios onde lles sexa máis barato producir. Un exemplo é o caso de Alcoa, que ten un consumo eléctrico moi intensivo e, para manter eses empregos, é fundamental para Alcoa que se desenvolvan con tranquilidade os proxectos eólicos. O que mencionaba antes dos proxectos tramitados en menos dun ano. De nada serve que nun ano poidan empezar a construír pero teñan uns custes enerxéticos insoportables. Estas paralizacións poden facer moitísimo dano á industria galega. Temos que ter na cabeza que estamos competindo con todo o mundo, por iso é tan importante ten un prezo enerxético competitivo.

Estase a traballar noutras xeracións de enerxía alternativas en Ourense? Penso en enerxía solar, xeotermia...

En Galicia somos unha potencia en renovables en xeral. Agora mesmo, tanto na xeración de enerxía renovable -entre todas as fontes- como no consumo de enerxía renovable estamos no top de España, e temos que continuar aí. As fontes que se están explorando son coñecidas. En Ourense estase traballando moito nas comunidades enerxéticas. A Tecnópole, por exemplo, está traballando nun proxecto de enerxía renovable para todas as súas empresas. Esta é unha das cuestións nas que traballamos na nova Lei de aproveitamento dos recursos naturais, coa que pretendemos, por unha banda, garantir o aproveitamento dos recursos naturais dunha maneira compatible co medio ambiente; e, pola outra, que repercuta económica e socialmente na nosa comunidade. É dicir, que o patrimonio de Galicia se quede en Galicia. Como se fai? Por un lado, a lei prevé que, nas valoracións ambientais, o promotor xa ten que explicar como vai repercutir no territorio ese aproveitamento. Prevese a creación da sociedade Utility, que pretende investir en sociedades vehiculares, onde unha parte moi relevante da enerxía que se xestione a través delas vaia ou ben ás industrias ou ben aos veciños da zona. Explicado dunha forma máis sinxela: un parque eólico que afecte a varios municipios. Pois os veciños deses concellos terán un aforro directo na súa factura eléctrica. Queremos fomentar a creación de grandes comunidades enerxéticas, que, a través dos distintos recursos naturais de cada zona, poidan ir abaratando o custo enerxético das industrias.

Este polígono industrial de San Cibrao leva anos demandando máis chan para acoller a máis empresas. Cando chega esa ansiada ampliación?

Esta é unha das cuestións polas que queremos ter ese mapa industrial. Se ben é certo que non depende de nós, senón de Medio Ambiente, si é verdade que a coordinación do solo industrial si que é a nosa responsabilidade. O que pretendemos co mapa industrial é ter unha visión completa, porque en Galicia ai solo dispoñible. A cuestión é se hai solo onde o están reclamando as empresas e onde é necesario que o haxa polas sinerxías que se poden crear e os sectores que están instalados. Por suposto que hai que continuar investindo no desenvolvemento do solo empresarial, porque, volvendo ao de antes, non vale de nada que reduzamos os prazos e teñamos enerxía competitiva se as empresas non teñen solo onde o requiren. Baixando ao terreo, podemos aportar moito na coordinación do solo empresarial, xa que poderemos trasladar a Medio Ambiente onde hai necesidades de solo. Ademais, é moi importante que ese solo teña os servizos e as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento empresarial: ter boas conexións, unha loxística adecuada... Neste caso Ourense pode ser fundamental no mapa industrial dende o punto de vista loxístico, dada a saída tan rápida que ten a Madrid. Ademais, tamén estamos reclamando ao Estado que amplíe a inversión en Galicia dentro da planificación eléctrica.

Hai proxectos de calado interesados en recalar en Ourense?

Agora temos que empezar a ver, porque aínda estamos comezando a elaborar o mapa. De feito, vai neste presuposto aínda que xa o ano pasado comezamos o encargo. Os proxectos que agora temos sobre a mesa son os que veñen herdados da transición xusta. Temos moitos proxectos vinculados a isto, como o peche das Pontes. O que temos que facer a partir de agora é traballar coas posibilidades que ten Ourense. Digamos que o que temos agora mesmo sobre a mesa, avanzado, son proxectos moi vinculados a todo isto. Dende o punto de vista da xestión de recursos mineiros, Ourense ten un peso moi relevante; tamén pola súa proximidade ao centro neurálxico da automoción, Vigo e Pontevedra, o que axuda ao desenvolvemento da industria auxiliar da automoción. Tamén temos que insistir no téxtil. Hai moitísimo coñecemento do téxtil e temos pensado traballar nunha revitalización do sector galego. Haberá novas liñas, que temos que enfocar dende Ourense coa súa potencia, coñecemento e tradición.

Por estas datas do ano pasado escoitábamos ao seu predecesor, Francisco Conde, anunciar que ía reactivarse a Cámara de Comercio. Pasou un ano e nada se sabe. Avanzouse algo?

Na Cámara de Comercio estamos traballando, non soamente coa Cámara de Ourense, senón a nivel global. Queremos darlle unha estrutura e unha organización territorial e adecuada. Ademais, aquí en Ourense hai outra problemática engadida á que está sucedendo noutras cámaras. O que pretendemos é potenciar a figura das cámaras e potenciala tendo en conta as especialidades de cada territorio. Estase traballando nunha proposta de estrutura global. Non sei coa estrutura que vai volver, pensamos en crear unha cámara global con estrutura territorial, isto é, con delegacións en cada provincia. Pretendemos darlle coherencia en todo o territorio e impulsar a figura das cámaras.

Sempre que se revisan os datos de exportacións, estes sempre van cara arriba. Como está Ourense, e Galicia, en materia de internacionalización empresarial?

Estamos traballando agora na nova estratexia de internacionalización, que lanzaremos a través do Igape. Estamos vendo que, no que é comercialización do produto, exportación pura e dura, temos uns índices moi bos que crecen de forma consistente. Pero temos que dar un paso máis na internacionalización das empresas, apostando porque poidan crear sedes físicas noutros países. É dicir, non soamente que comercialicen o seu produto. Hai empresas que poden ter tamén a oportunidade de crecer e de crear novos centros de traballo no estranxeiro.

Contenido patrocinado

stats