Días atrás foi presentado no Consello da Cultura Galega un avance dos traballos de dixitalización dos fondos documentais do escritor de Vilardevós Silvio Santiago (1903-1974). Xunto con Ramón Villares, presidente da institución e Afonso Vázque

A memoria de Silvio Santiago

Santiago, xunto a Otero Pedrayo na terraza dun café en Vilardevós. (Foto: BAFYPRESS)
Sen dúbida, Silvio Santiago é un gran esquecido.
Natural e apaixonado de Vilardevós, tivo que fuxir a Portugal en 1937 logo de pasar polo cárcere da Coruña e do asasinato do seu irmán Xacinto, director de La Zarpa e da represión exercida sobre os seus outros irmáns . Depois duns meses de clandestinidade en Portugal, logrou pasar a Cuba, en 1938, e logo instalarse en Venezuela en 1939. Alí desenvolveu unha exitosa carreira como impulsor de sociedades de emigración, ao tempo que levaba programas de radio e revistas da colectividade 'Galicia' e colaboraba en xornais venezolanos, logrando un premio nacional de xornalismo, ao tempo que acadaba un considerable éxito nos negocios, o que lle permitiu exercer un amplo mecenado cultural. En Venezuela evoluciounou desde o anarquismo ?militara no Partido Sindicalista de Ángel Pestaña, e xa no exilio na CNT- a un galeguismo activo. Entre o ano 1950 e 58 en que regresa a Galicia atraerá a aquelas terras a xentes como Camilo José Cela, Eduardo Blanco Amor, Domingo García Sabell, Francisco Fernández del Riego, Otero Pedrayo, ao tempo que achegaba a súa axuda para a formación da Editorial Galaxia, a Fundación Penzol ou a subvención de obras como o diccionario de Eladio Rodríguez.

En 1958 instálase na Coruña, fará casa nova en Vilardevós, e gozará da amizade e acobillo da xeración Galaxia, e materá unha especial relación con Ramón Otero Pedrayo, ata o seu pasamento, en Compostela, en 1974.

O LITERATO REALISTA

Froito dunha vida apaixonante publicou dúas novelas senlleiras de cariz autobiográfico. A primeira, 'Vilardevós', 1961, con prólogo de Otero, recrea as súas vivencias de infancia nun medio idealizado. A segunda, 'O silencio redimido' viu a luz en 1976 dous anos despois da morte do autor, pois os primeiros intentos de publicación en 1963 petaran coa censura. A obra relata a vida e desacougos dun mozo moi activo entre 1927 e 1937; anos de estudo en Ourense e Coruña, de ilusión e desencanto coa República, de angustia, odio e sangue na guerra, de reviravoltas da clandestinidade e exilio portugués antes do pase a América. Orixinalmente tiña un prólogo de Camilio José Cela en que a cualificaba como a mellor novela escrita ata o momento en lingua galega, pero que non se chegou a publicar. Está entre os fondos dixitalizados.

OS MATERIAIS DIXITALIZADOS.

A familia, xenerosamente, puxo a disposición do Consello da Cultura Galega todos os fondos conservados de Silvio para compartir cos investigadores esa interesante documentación a través de copias dixitais que irán ao Arquivo da Emigración do Consello. En conxunto son máis de 3.500 imaxes, que se organizan en varios subgrupos. A interesantísima correspondencia intégrana unhas 1.400 imaxes dirixidas a 72 persoas. Grazas a que Silvio habitualmente conservaba copia das cartas enviadas, en moitas destas 72 relacións podemos seguir secuencias de carta-resposta interesantísimas. Con Otero, por exemplo, existen, aproximadamente unhas 125 cartas. Coas de Blanco Amor pódese rastrexar unha relación desde 1951 en que solicita axuda para ir a Caracas ata a fin dos días de Silvio. Con Francisco del Riego, Ramón Piñeiro, García Sabell, Camilo José Cela hai ducias e ducias que nos permiten coñecer mellor o tecido de relacións e sensibilidades que existían naquela altura dos cincuenta-sesenta.

As fotografías dixitalizadas son unhas 250 da vida societaria de Caracas e da vida da familia á volta. A Silvia, filla única de Silvio Santiago e Joaquina Conde non a deixaban na casa, así aparece en moitas das fotos: Silvia no colo de Otero Pedrayo, Silvia entre Otero e Blanco Amor, Silvia nos banquetes dos pais...

Nos orixinais e manuscritos conservanse obras nunca publicadas como o relato 'A caracola terceira' ou os prólogos de Camilo José Cela e Rodrigues Lapa a 'O silencio redimido', e ou outros xa editados como o de Otero a Vilardevós. Tamén se pode seguir aquí as vicisitudes e cartas cruzadas con Francisco del Riego, Camilo José Cela, Ben-Cho-Shey, Manuel Fraga, a propósito da imposibilidade de publicación dO silencio redimido en 1963. No apartado de discursos aparecen orixinais de discursos anarquistas aínda dos anos 40 e moitas laudatios e presentacións de persoas como León Felipe, José Bergamín ou os galegos xa mencionados. Con 600 documentos destaca o apartado de socieades de emigración onde podemos rastrexar as voltas, reviravoltas e conflictos dun medio societario profundamente conflitivo como era o caraqueño a través das tres sociedades que Silvio fundou. Dos materiais correspondentes á súa estadía en Cuba integrados por 150 documentos destaca uns crúísimos e inacabados 'Apuntes de la España fascista a través de mi' que en 17 folios resume as vivencias e tráxicas noticias dos primeiros días da guerra na cidade da Coruña, en Ourense e na comarca de Verín.

O LIBRO DA PRIMEIRA COMUÑÓN

Se cadra a xoia da coroa do conxunto documental é un libriño encadernado en coiro gofrado no que Silvio recolle de puño e letra dos seus amigos escritores poemas ou prosas en galego inéditas dedicadas á primeira comuñón da súa filla Silvia, en 1960. Alí están os principais: Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Fermín Bouza Brei, Carballo Calero, Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, Camilo José Cela, García Sabell, Ramón Piñeiro, del Riego, Manuel María, Otero Pedrayo, Franco Grande e Augusto Casas.

Tamén hai interesantes orixinais de Otero Pedrayo.

En conxunto, pois, trátase dun fondo documental moi importante pola súa calidade e pola súa cohesión e que sen dúbida contribuirá a valorar como se merece a figura de Silivo Santiago e ao tempo que proxectará luz sobre a esquecida actividade cultural dos galegos emigrados a Venezuela.

Te puede interesar