A Noite Moucha enche A Valenzá de vaqueiros

As tendas de Barbadás saíron onte á rúa (MIGUEL ÁNGEL).
photo_camera As tendas de Barbadás saíron onte á rúa (MIGUEL ÁNGEL).
A apertura dos comercios ata a medianoite pola Noite Moucha, sumada ás festas da Valenzá, fixo que a Avenida de Celanova estivese ateigada de xente para aproveitar os prezos especiais.

A avenida de Celanova da Valenzá viviu onte un dos seus días grandes do ano. Ao primeiro día de festas, coa estelar actuación da París de Noia, sumouse o evento organizado polo Centro Comercial Aberto da Valenzá en colaboración coa concellería de Comercio do Concello de Barbadás: a Noite Moucha. Esta primeira edición tralo parón provocado pola pandemia foi todo un éxito entre comerciantes e visitantes, que aproveitaron a oportunidade de visitar as 14 tendas que participaron nesta iniciativa, cun horario extendido ata a medianoite.

Desta vez, a temática escollida para o evento foi o afastado Oeste, polo que tanto as tendas coma os comerciantes estiveron caracterizados para esta ocasión especial, e incluso houbo algún veciño que tamén sacou o traxe de vaqueiro. Ademais da xente do barrio, outro dos colectivos aos que estaba dirixido este evento eran os nenos, polo que tamén se organizou unha xincana, unha busca do tesouro ao mellor vaqueiro e tamén  unha actividade de globoflexia de pintacaras. Tamén tivo lugar un sorteo dun premio valorado en 500 euros en vales desconto, e o gañador foi anunciado no descanso entre pases da París de Noia, no marco das festas de San Bernabé da Valenzá.

Así, o ambiente festivo imperou dende pola tarde polas rúas da Valenzá, aínda que foi collendo máis entidade co paso das horas e segundo se achegaba a noite. Non só os veciños decidiron aproveitar, senón tamén xente de Ourense, que aproveitou este horario extendido para visitar tendas de diferentes tendas de roupa, calzado, florarías ou librarías. Así, maiores e pequenos gozaron dunha tarde entre ocio e consumo en tendas do comercio local do gran núcleo do concello de Barbadás.

Te puede interesar