A mostra do aceite 'Aouris', en fase de investigación, fíxose aínda con aceitunas andaluzas

O novo condimento de Aceites Abril 'baña de ouro' os pratos

Elena Pérez Canal, cunha mostra do exclusivo 'Aouris'. (Foto: JOSÉ PAZ)
A empresa ourensá Aceites Abril está inmersa na elaboración e promoción dun novo produto, que leva por nome 'Aouris', un condimento alimentario pensado para a decoración alimentaria, baixo o lema 'baña de ouro os teus pratos'.
Esta é unha iniciativa conxunta co cociñeiro italiano Flavio Morganti, que con motivo do 50 aniversario da Festa do Pulpo do Carballiño, fixo o prato 'PulpOuriensis' a base dese cefalópodo e, como eran as 'bodas de ouro' desa celebración, quixo darlle un toque dourado regándoo con este aceite especial, que o dota dun aroma embriagador. O prato, ademáis do pulpo e o aceite, conxuga outros dous dos sabores ourensáns por excelencia, a pataca da Limia e o viño das catro denominacións de orixe da provincia.

Os compoñentes de 'Aouris' son, fundamentalmente, o aceite virxe extra e 'uns polviños máxicos', que conforman un ingrediente secreto, que segundo a responsable de marketing de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, 'non podemos desvelar, porque aínda non está patentado'. O que si que explicou é que se trata 'dun aditivo de alimentación totalmente apto para o consumo, que está regulado e emprégase para a repostería'. Este ingrediente desenvolveuno o Centro de Innovación Tecnológico en Alimentación e Farmacia (Citaf) de Barcelona, que foi o encargado de levar a cabo a investigación dos ingredientes e a composición do 'ouro líquido'.


OLIVA ARBEQUINA E PICUAL

En canto ás olivas coas que se elabora 'Aouris', Pérez Canal explicou que para 'a fase de experimentación, na que tan só se fixeron 50 botellas, tivemos que recorrer ós oliveirais andaluces, xa que o froito alí madurou antes e os nosos non se recollen ata novembro'. As variedades de oliva das que se compón este óleo son a arbequina, que aporta un sabor doce, e a picual, coa que se acada unha textura entre amarga e picante.

O envase deste exclusivo produto é unha botella de cristal, de 200 mililitros e con forma redondeada, que constitúe un formato 'moi difícil de atopar, por iso recorremos á vidreira italiana 'Vetroelite'. A responsable de marketing de Aceites Abril quixo resaltar que 'o produto aínda está na fase de investigación e desenvolvemento, por iso para poder comercializalo 'temos que esperar a que Sanidade nos aprobe o comunicado para o rexistro sanitario deste ouro líquido'. Cando as autoridades sanitarias lle dean 'luz verde' ó proxecto, 'Aouris' será distribuido a través de tendas gourmet e da cociña de alta restauración.

Pérez Canal explicou que, de momento, 'tan só se presentou como o condimento do PulpOuriensis, pero xa tivo unha gran acollida polo seu extraordinario sabor e polas súas características olfativas afrutadas'.

Te puede interesar