Novo movemento para ter a Casa da Lusofonía

Nachi López e Manuel Baltar.
photo_camera Nachi López e Manuel Baltar.
Baltar garante o seu “compromiso” para que a provincia sexa a sede

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á nova secretaria da Associaçao Impulsora da Casa da Lusofonía, Nachi López Queipo, co fin de analizar as xestións que se están a realizar para que Ourense sexa a sede da Casa da Lusofonía, centro dependente da rede de casas do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación. Unha iniciativa que dentro de dous meses chegará á comisión de Exteriores do Congreso dos Deputados, onde se espera que reúna o máis amplo consenso entre todas as forzas políticas representadas nesta Cámara.

O encontro, afirmou Manuel Baltar, permitiu “poñer de relevo o compromiso da Deputación para que Ourense acolla un centro que nos dará maior visibilidade e un plus para a cidade e a provincia, como o territorio galego mellor conectado coa capital do Estado, que no seu momento foi capital da Gallaecia e hoxe está na centralidade da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

O presidente destacou as oportunidades que se crearán coa sede da Casa da Lusofonía en Ourense, “a provincia do estado co maior número de quilómetros de fronteira con Portugal” (219), apuntando que como “berce do pensamento político e galeguista, Ourense está unida a Portugal pola lingua, unha comunidade lusófona que en 2050 terá unha poboación de 300 millóns de persoas”.

Baltar e López estudaron a folla de ruta a seguir para a presentación no Congreso, no prazo aproximado de dous meses, da proposta para que Ourense sexa a sede da Casa da Lusofonía, unha iniciativa que quedou reflectida no papel trala sinatura dun convenio, o 10 de marzo do pasado ano, entre a Deputación e a Associaçao Impulsora deste centro.

Te puede interesar