Obituario | Eladio Quevedo, presidente de honra da coral de Ruada

Eladio Quevedo.
photo_camera Eladio Quevedo.

Hai unha horas recibimos a triste nova do falecemento de Eladio Quevedo Almoina, Presidente de Honra da Coral de Ruada.

Eladio ingresou de neno -con pantalón curto, como lle gustaba dicirna Coral, onde foi alumno do gaiteiro e cofundador de De Ruada Virxilio Fernández, e dende entón ata hai uns poucos anos, permaneceu na mesma agás algúns momentos en que, por motivos familiares e de traballo, tivo que abandonala, pero sempre de xeito provisional.

Na Coral, Eladio cantou, tocou a gaita -e mesmo foi mestre de gaiteiros-, o tamboril, o bombo e a zanfona, foi membro en numerosas
ocasións da súa Xunta de Goberno, ocupando os cargos de secretario xeral, vicepresidente primeiro e presidente dende 2002, despois da dimisión de Manuel Rego Nieto, ata 2015, cando decidiu deixar o cargo. Era Coralista de Honra, coa insignia de ouro da Coral, e estaba en posesión da medalla “Marcial del Adalid”, concedida pola Real Academia Galega de Belas Artes. Tras a súa renuncia á presidencia, De Ruada ofreceulle, en 2016, unha agarimosa homenaxe no salón nobre do Liceo de Ourense, entregándolle o título de Presidente de Honra.

Durante a súa presidencia púxose en marcha a escola de instrumentos tradicionais “Virxilio Fernández”, os certames “De Ruada” e
“LembradeNós”, e foron moitos os éxitos acadados por De Ruada por toda Galicia, España, Portugal e Francia, graváronse os CD “Sempre De Ruada” e “De Ruada entre Amigos”, fóronnos concedidos os premios “Manuel Lorenzo”, “Gaiteiro de Soutelo”, “IAR”, “Orgullo Gaiteiro” e “Castelao” e a medalla “Marcial del Adalid” na categoría de ouro.

Eu, que traballei como vicepresidente moi preto de Eladio durante os trece anos da súa presidencia, podo dar fe do seu gran amor a  De Ruada e da súa entrega para que a institución camiñase con firmeza de cara ao centenario, durante o cal tamén se lle tributou unha pequena homenaxe.

Tivemos a ocasión de contar coa súa presenza no último Concerto dos Amigos, celebrado o pasado 17 de xuño no teatro Principal,  acompañado da súa querida dona Mari Carmen.

Dende De Ruada queremos expresar o noso máis fondo pesar por tan sensible perda á súa dona, Mari Carmen, aos seus fillos Juan Eladio, Javier, Marí Carmen, Cristina e Lourdes, e demais familia, excoralistas algúns deles e amigos da Coral na súa totalidade.

Atoparase, ben seguro, na compaña dos seus moitos compañeiros e amigos da xa moi numerosa Coral De Ruada do Alén. Descanse en paz.

Te puede interesar