O PP de Ourense clama contra a "marxinación e abandono" da provincia nos PGE

“O executivo central segue a investir menos en Galicia que Mariano Rajoy, pois a prioridade deste goberno é Cataluña", sinalan os representantes populares

Os representantes do Partido Popular pola provincia de Ourense no Congreso, Ana Vázquez e Celso Delgado, e no Senado, Miguel Viso e Francisco José Rodríguez, valoraron hoxe o proxecto orzamentario presentado polo executivo de Pedro Sánchez para 2022, no que se reflicte “a marxinación e o abandono de proxectos esenciais para o territorio ourensán, principalmente no que se refire ás comunicacións por estrada e ás infraestruturas ferroviarias relacionadas coa alta velocidade”, criticou Celso Delgado.

Os orzamentos para 2022 consignan para a provincia de Ourense preto de 157,5 millóns de euros, dos que 55,4 millóns corresponden a investimentos dos distintos ministerios e 102 millóns ás sociedades. Uns datos que aínda que recollen unha suba con respecto aos orzamentos de 2021 (123,5 millóns de euros) “deixan ver que as sumas consignadas para o vindeiro ano son insuficientes para abordar as necesidades da provincia”. Neste sentido, abondou Celso Delgado, “as diferenzas con respecto aos gobernos populares son evidentes, xa que Ourense recibiu 414,7 millóns de euros nos OXE de 2018, elaborados polo Goberno de Mariano Rajoy”.

Destacan en primeiro lugar o "escándalo" que supón o abandono polo goberno de Pedro Sánchez das autovías A-56 (Ourense-Lugo) e da autovía A-76 (Ourense-Ponferrada).

En materia ferroviaria constatan "a ausencia de consignacións específicas para as obras pendentes de executar polo ADIF na estación intermodal de Ourense": o crecemento do edificio de viaxeiros, as escaleiras mecánicas, as pasarelas previstas sobre as vías, a praza exterior ou as actuacións de permeabilidade entre os dous barrios.

Os representantes ourensáns anunciaron que reclamarán, vía emenda, una partida para o estudo da construción dunha estación de mercadorías no polígono de San Cibrao das Viñas.

Valoración xeral

O executivo central segue a investir menos en Galicia que Mariano Rajoy, pois a prioridade deste goberno é Cataluña, unha comunidade á que pertencen os socios políticos de Pedro Sánchez e que apoian a súa continuidade na Moncloa”, dixo pola súa banda a deputada Ana Vázquez á hora de analizar os investimentos en Galicia e as contas xerais para 2022. Porcentualmente, “Galicia continúa estando un punto por baixo do último orzamento aprobado polo PP en 2018 -9,3 % fronte ao 8,3% actual-, “unhas contas que permanecen moi afastadas do que foi a media de investimentos na nosa comunidade nos últimos anos, que rondaba o 11 % e mesmo chegou ao 13,80 %”.

Nun momento no que os fondos comunitarios enchen de recursos os OXE, “Galicia non debería contar con consignacións ridículas como as que se destinan a moitos proxectos, abocándoos ao abandono”, engadiu Vázquez, que destacou que se trata “duns orzamentos falsos que parten dun cadro macroeconómico que non se pode cumprir, crean unha nova suba fiscal monumental para empresas e particulares, castigan o aforro, aumentan desmedidamente o déficit e descontrolan o gasto público”.

Este proxecto económico “esconde subas de impostos que teñen comprometidos con Bruxelas: peaxes, suba do diésel, cotizacións sociais etc, ata que se presente o informe de expertos o próximo ano”. Incidiu a deputada que “non hai orzamentos de Sánchez sen subas de impostos, consolidándose no 2022 todos os machadazos fiscais de 2021, entrando en vigor os tramitados ao longo deste exercicio, penalizando os plans de pensións privados e incorporando tanto o mínimo do 15 % no Imposto de Sociedades como o imposto de matriculación que subirá en xaneiro”.

Os OXE de 2022 incorporan 27.633 millóns en fondos europeos, “pero de pouco servirán se o grao de execución é tan baixo como o que levan neste exercicio”. De feito, a 31 de agosto de 2021, o Goberno tan só executou o 22,4 % dos fondos europeos que se orzamentaron hai un ano. Esta porcentaxe sería mesmo menor se se ten en conta que boa parte das transferencias realizadas non se materializaron aínda en investimentos reais

Te puede interesar