Coautor do libro ‘Galicia, unha economía europea’ Santiago Lago, durante a entrevista.

Santiago Lago: ‘O ferrocarril resituará a Ourense, pero hai que pensar máis nas mercadorías’

O economista Santiago Lago analiza nun libro -escrito xunto a Albino Prada- a repercusión para Galicia da entrada na Unión Europea e os retos de cara ó futuro.
Que aportou a Galicia a entrada na Unión Europea?

En conxunto, o efecto é claramente positivo, tanto en financiamento como no estímulo para reaxustar unha estructura productiva moi obsoleta nalgúns sectores. Pero hai algúns puntos dos acordos de ingreso na UE que non nos beneficiaron (como o naval, a pesca e parte do sector gandeiro). En xeral, fóra da UE neste momento estaríamos peor, teríamos menos benestar, menos renta per cápita e salarios máis baixos, aínda que algún sector estaría mellor se as condicións de ingreso foran outras.

Os recursos europeos gastáronse axeitadamente?

Galicia optou por infraestructura física, pois tiña necesidades moi graves e neso mellorou moito, pero investiu menos en innovación e capital humano. Poderíamos ter buscado un equilibrio, pero hai 10 anos tampouco se vía tan claro a importancia da innovación. Outra cuestión é o tipo de infraestructuras: pode ser unha estrada moi importante ou un paseo marítimo cun retorno en termos económicos discutible. Pero o máis grave de todo é que, en boa medida, o que se fixo foi axudar ós concellos a facer obras locais. De cara ó futuro, debemos evitalo, porque quitamos recursos para proxectos do conxunto de Galicia e o seu reequilibrio territorial.

Que liñas hai que seguir agora en innovación?

Con Rodríguez Yuste como conselleiro xa se empezou a apostar máis pola innovación e o bipartito deseñou as liñas nas que temos que traballar. Hai que seguir aí -e creo que ó Goberno actual non lle disgusta ese modelo-, pero traballando con moita máis intensidade. O problema é que nun momento de restricción haxa a tentación de recortarlle fondos; eso non se debe facer. En canto ós criterios, temos que facer apostas selectivas: non podemos ser innovadores en todo, debemos escoller unhas liñas en relación co noso aparato productivo.

Unha das principais necesidades en infraestructuras é o ferrocarril. Haberá fondos suficientes para o que falta?

Aí é máis importante garantir o 8% de inversión do Estado en Galicia que os fondos europeos, que poden ser unha parte. Nós defendemos un modelo que poña ó mesmo nivel pasaxeiros e mercadorías; non hai que perder de vista que son plataformas que durarán décadas. Prefiro agardar dous anos máis e ter un modelo ben integrado, que dea solucións tanto a mercadorías como a pasaxeiros, que facer un modelo incompleto. Ademais, o ferrocarril resituará por completo a Ourense: vai ser a cidade galega mellor conectada con Madrid e tería un atractivo espectacular como localización empresarial. Pero, insisto, hai que pensar máis nas mercadorías.

Outra cuestión que propoñen é a necesidade de reorganizar o territorio.

Pensamos que hai solucións diferentes, non a mesma para todos. A fusión de concellos é politicamente difícil, e probablemente non sexa necesaria de xeito xeralizado, pero algúns pequenos son inviables e sería lóxico buscar fórmulas de fusión ou unha cooperación máis forte. Outro problema é o das áreas dinámicas (Coruña-Ferrol, Vigo-Pontevedra, Santiago, Lugo e Ourense): hai que pensar como solventar os problemas comúns, a unha escala de área urbana, para que non se dean absurdos cando a xente necesita unha cousa e ninguén a pode dar. Ademais, son moi distintas as necesidades das áreas de Ourense, Verín ou Valdeorras. Desde o punto de vista económico, non existe a provincia de Ourense: o desenvolvemento non é a escala local nin provincial, senón que atinxe a un grupo de concellos, pero non a todos os da provincia. Cada vez son máis defensor dunha concepción supramunicipal pero infraprovincial, unha escala que é relevante en termos económicos e na planificación do benestar da xente. E, máis que crear novos organismos, nós plantexamos que se definan eses espazos de planificación e que se incentive a cooperación neles.

Te puede interesar