Os socialistas ourensáns piden frear o extremismo

PREMIOS CONMEMORA

O PSdeG celebrou unha xuntanza provincial no marco da campaña

Publicado: 03 jun 2024 - 04:15 Actualizado: 03 jun 2024 - 16:54

Parte da comitiva dos socialistas ourensáns, na carballeira do Castelo de Maceda.
Parte da comitiva dos socialistas ourensáns, na carballeira do Castelo de Maceda.

Máis de 150 socialistas ourensáns congregáronse baixo as árbores da carballeira do Castelo de Maceda. O PSdeG-PSOE celebrou a III edición de ConMemora, a xuntanza provincial da formación, no marco da campaña dunhas eleccións europeas que se presentan como clave ante o futuro do continente.

Á vila macedá acudiron os candidatos ao Parlamento Europeo Nicolás González e Lorena Guerra, o secretario provincial do partido, Rafael Rodríguez Villarino, e a alcaldesa anfitrioa, Uxía Oviedo, entre outros socialistas ourensáns. O acto foi presentado pola secretaria provincial de igualdade, Beatriz Domínguez.

Casares advertiu sobre a “banalización” das “ideas extremistas”. Segundo dixo o europarlamentario, isto abre as portas do goberno á ultradereita. “Digámoslle non ao extremismo, aos saúdos fascistas, aos ataques aos dereitos contra das mulleres, aos ataques contra os que pensan e senten diferente e aos que, como Feijóo, actúan de palmeiros e vasalos da ultradereita”, declarou o candidato.

González proclamou que “as urnas teñen que clamar liberdade, xustiza e democracia”. O socialista foi particularmente crítico contra o Partido Popular, ao que vencellou con políticos europeos de extrema dereita. Na carballeira de Maceda, aseverou que nas vindeiras eleccións xógase unha Europa “na que Feijóo lle entrega a casa e os mandos a Abascal, Meloni e Orban”.

Milei e Netanyahu

Ao mesmo tempo, a candidata ourensá ao Parlamento Europeo, Lorena Guerra, convidou aos votantes a facer unha escolla: “A elección é clara. Ou estamos coa xustiza social, ou estamos con Milei. Ou estamos coa paz, ou estamos con Netanyahu. Ou estamos co feminismo, ou estamos con Abascal. Ou estamos co xogo limpo, ou con Feijóo”, manifestou. Guerra animou aos ourensáns a exercer o dereito ao voto. “Temos nas nosas mans poder decidir que Europa queremos os próximos 5 anos”, esgrimiu antes de resumir as liñas do programa socialista para a Unión: “Unha Europa forte, feminista, social, verde, solidaria e unida”.

Xa en clave local, o secretario provincial, Rafa Villarino, guiou aos presentes para “realizar unha viaxe pola historia para obsobservar o papel de Europa na construción do socialismo español”. Ademais, apuntou á “deliberación” como “ferramenta para construír o futuro de Ourense en Europa”.

Villarino falou de “análises teóricas, diálogo, conversas e deliberación entre iguais”, elementos que precisa o seu partido. “Anuncio que impulsaremos a formación e os debates nas sedes socialistas da nosa provincia para coñecer e comprender as dinámicas de cada concello e cada bisbarra”, engadiu, antes de comentar que isto permitirá detectar “os problemas e as oportunidades reais de cada contorna e construír un programa de futuro de Ourense no seo de Galicia, España e Europa”.

A alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo, falou tamén en clave festiva na reunión dos socialistas ourensáns: “É un momento de gozo para a familia socialista”. Con todo, matizou que “temos un compromiso coa política á hora de defender as persoas e frear as dereitas máis rancias”.

Do mesmo xeito, Oviedo fixo fincapé en que “a Europa na que nós cremos é a Europa do rural”. A rexedora sentenciou que “os concellos non poderían dar resposta ás necesidades desta sociedade diversa e cambiante se non fose polos fondos europeos”.

Premios conmemora

Ademais dos discursos, tamén se entregaron os premios ConMemora, dentro da xornada de celebración do partido. Este ano, os galardóns recaeron en Mercedes Bouzo, afiliada na cidade con 46 anos de militancia, e en Gumersindo Penín, afiliado en Xinzo con 47 anos na formación.

Contenido patrocinado

stats