Xosé Carlos Valcárcel: “Dende a provincia non apoiamos a decisión de renunciar á Deputación pola alcaldía de Ourense”

Los nuevos alcaldes de la provincia de Ourense

O rexedor de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, afronta o seu terceiro mandato en minoría cunha aposta polo medio ambiente, os servizos sociais e un posto da Garda Civil

Publicado: 03 jul 2023 - 06:20 Actualizado: 03 jul 2023 - 09:37

Los nuevos alcaldes de Ourense, Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás

Xosé Carlos Valcárcel é alcalde de Barbadás dende 2015. Afronta o seu terceiro mandato en minoría á fronte dun dos concellos máis poboados da provincia.

Barbadas
Barbadas

Xosé Carlos Valcárcel persoal:

  • IDADE: 59 anos
  • ESTADO CIVIL: Solteiro
  • FILLOS: Sen fillos
  • PROFESIÓN: Economista
  • ESTUDOS: Licenciado en Ciencias Económicas
  • LUGAR E DATA DE NACEMENTO: Vilariño (Pereiro de Aguiar), 26 de decembro do 1963

Máis persoal

  • UNHA AFECCIÓN: Apaixóame a novela histórica
  • LIBRO: Moitos, “Los pilares de la Tierra”
  • DEPORTE: Fútbol e baloncesto
  • COMIDA: Paella
  • CANCIÓN: “Single Ladies”, de Beyoncé
  • PELÍCULA: Tamén hai moitas, pero quédome con “Cleopatra”

Os resultados do 28M deixaron os mesmos resultados en Barbadás ca no 2019. Que conclusións saca disto?

Que a veciñanza de Barbadás confía neste goberno para sacar os seus problemas adiante. Non é unha confianza absoluta, está claro, porque os gobernos non resolvemos os problemas de todos os veciños, senón que temos un programa que si ten o respaldo da veciñanza. Segunda, que ofrecemos estabilidade. E terceira, que estes resultados foron, en certa medida, lastrados por unha tendencia a nivel nacional. Vendo os resultados doutros lugares onde perdemos concelleiros e alcaldías, fago unha valoración moi positiva.

Terceiro mandato como alcalde. Segundo en minoría.

Non. É terceiro en minoría, porque, se ben en 2015 gobernamos co Bloque, só sumabamos 8 concelleiros. Daquela contamos co apoio na investidura de CxG. No 2019 foi porque fomos a lista máis votada. E desta volta pretendemos que sexa diferente.

O PSdeG e o BNG firmaron un acordo marco para apoiarse en concellos nos que sumaran maiorías. Por que non se deu en Barbadás?

No 2019, o BNG non quixo entrar no goberno. Consideraron que os resultados electorais non foran os propicios para referendar a súa política e non entraron. Nesta ocasión, fixeron una proposta de goberno absolutamente inasumible polos resultados electorais de ambas formacións. Nós fixemos unha contraoferta, que non consideraron oportuna, polo que aí quedou a situación. Desta volta contamos co voto na investidura do PG, antigo CxG, e coa abstención de DO. Co PG estivemos negociando ata o mércores, tiñamos perfilado un acordo, pero decidiron non entrar no goberno neste momento, pero non rexeitan a posibilidade de entrar nun futuro. E xa chegamos a un acordo con DO.

Iso descarta unha moción de censura. Pensou que podía suceder no anterior mandato?

Era complicado que chegaran a un acordo. Tiñan 6 concelleiros e: o PG sempre colaborou puntualmente con nós, DO igual, e co Bloque paréceme case imposible, aínda que neste país xa se ve calquera cousa.

Que valoración fai da oposición? Nestes anos fostes capaces de chegar a acordos e non se caeu na inacción, máis posible cun goberno en minoría.

Sempre hai lastres en minoría. Sempre estás condicionado porque tes que chegar a acordos. Pero penso que negociar é bo. Iso si, hai que facelo con lealdade e con quen quere colaborar; porque con quen non quere, as negociacións son inútiles. Negociar co PP, hoxe por hoxe neste concello, é francamente complicado. Máis aínda cando intentaron subverter os resultados electorais neste concello. Subverter quere dicir non sumar maioría cos seus concelleiros, senón sumala con concelleiros do meu partido.

Houbo intentos de captar a concelleiros do PSdeG?

Houbo. E iso é unha liña vermella intraspasable. Iso demostra deslealdade, que non coñecen o xogo democrático e que son supostamente corruptos cometendo un delito electoral. Por isto non vai haber colaboración co Partido Popular neste mandato. Por ética e limpeza democrática.

En clave provincial. O PSdeG desbotou un acordo con DO aínda perdendo a oportunidade de presidir a Deputación. Apoia esta decisión?

O partido socialista non tomou esa decisión. O partido apostou pola Deputación. O que pasou é que houbo un condicionante de última hora, que creo que foi unha decisión errónea. Foi que na cidade se apostou pola alcaldía. É unha decisión que, dende a provincia, non se compartiu. A Deputación é un ente suficientemente importante e que serviría para que por fin houbera un reparto xusto e equitativo dos cartos públicos, que hoxe están marcados polos dedazos e a cor política. Creo que toda a veciñanza da provincia ten dereito a ser atendida pola Deputación, máis cando están para atender a concellos pequenos. Agora o que sucede é que se prima unha cor política, prexudicando aos veciños dos concellos nos que non goberna o PP.

Entón, hai dous Partidos Socialistas. Un que primou a alcaldía da cidade e outro que primou o goberno provincial.

Non direi que hai dous partidos. O PSOE é un partido de ideoloxía progresista, social e que defende as liberdades da cidadanía. Que ocorre? Que se primou unha decisión que puña diante aos veciños da cidade. É unha decisión lexítima e o PSOE de Ourense pensou que esa decisión era a correcta para atender as necesidades dos veciños da capital, pero que, dende logo, prexudica aos veciños do resto da provincia.

Barbadás, quéreo, víveo. Ese podería ser un resumo do último mandato. Cales serán os eixos principais deste que entra?

Ese é un slogan como concello. O que empregamos no partido foi “Máis Barbadás, máis por ti”. Todos facemos Barbadás, e máis por un mesmo fai máis Barbadás. Os obxectivos: medioambiente, rural, seguridade, servizos sociais e industrialización. Barbadás é moi comercial e estamos a traballar coa Zona Franca de Vigo para ter un polígono industrial e comercial. Estamos traballando en traer un posto da Garda Civil. Firmamos un protocolo coa Hidrográfica para recuperar a zona do Pisco. E no tema dos servizos sociais, é un tema complexo. Temos que pensar cal é a mellor forma de atender á maior cantidade de xente. E tamén a ampliación do polideportivo, unha infraestrutura que quedou pequena. Tamén pedimos á Xunta un instituto, pero como optaron por ampliar o Ferro Couselo, queda practicamente descartado que veña un instituto.

Cal é a situación económica de Barbadás?

O Concello non ten débedas. E aquí quero discrepar coas políticas que se impoñen dende Europa. A Xunta está trasladando servizos aos concellos, pero ao mesmo tempo busca cofinanciación. Paréceme inxusto e fóra de lugar. O servizo de axuda no fogar, por exemplo, que non é propio noso e o teñamos que sufragar en gran medida é lamentable. E despois, a Xunta recibe cartos do Estado para aminorar os custos que teñen os concellos e non os aplica a ese fin. Non temos débedas, e ademais temos os impostos máis baixos que permite a lei. Non subimos case ningunha taxa dende que gobernamos. Iso si, cando digo que non subimos, quero dicir que sobre os custos si repercutiu a inflación. Estudaremos a forma de que a carga fiscal sexa equilibrada e xusta, pero unha cousa está clara: para ampliar servizos é necesario ter unha recadación apropiada. A Deputación, que debería ter un plan igualitario para repartir os cartos entre todos os concellos. Se existira este plan, Barbadás recibiría preto de medio millón de euros máis do ente provincial.

Podería haber quen pensara que hai dous tipos de veciños? Por un lado os da Valenzá e por outro o resto.

Hai quen pensa así. É complexo que todo o mundo se sinta tratado por igual. O rural ten máis carencias que A Valenzá, pero A Valenzá tamén as ten. Os servizos teñen que estar nalgún lado, e creo que instalacións como a piscina, o polideportivo ou a escola de música teñen que estar onde hai máis afluencia de público. Neste senso, teño que recoñecer erros á hora de priorizar certas inversións. Un exemplo é Bentraces, cuxo asfaltado non é o mellor, pero en Bentraces investimos 200.000 euros no saneamento e outros tantos na praza do Pumar. Pode que fora mellor ter investido os cartos da praza no asfaltado. Nestes núcleos rurais, quizais debiamos ter atendido as necesidades do día a día en lugar dunha obra puntual.

Contenido patrocinado

stats