UN DINOSAURIO SAURÓPODO
Hallazgo histórico al encontrar restos de huesos de un dinosaurio Diplodocus en Teruel
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Camiñamos aínda coa resaca do nomeamento de novos ministros ás costas. Cambios tan profundos no Goberno actual leváronme a pensar en cantos ministros -e ministras- lle ten dado a nosa provincia ó Estado. Sabía dos tres da democracia e de un histórico, pero descoñecía ó resto. A rede, que hoxe é fonte inesgotable de información, amosoume outros tres. Deles escollín un, Tomás María Mosquera, porque me sorprendeu o seu anonimato, sendo como foi o promotor da abolición da escravitude en Puerto Rico e Cuba.
Se dixera que Tomás María Mosquera é un personaxe completamente anónimo, mentiría, xa que logo segundo nos teñen informado Rafael Salgado e Francisco Lorenzo Amil neste mesmo xornal, no seu momento a cidade tívolle dedicado o seu nome á praza do Ferro e mesmo a vila do Carballiño o mantén inmortalizado nunha céntrica rúa do seu casco vello.
Sen embargo, cando coñecín un pouco máis profundamente a dimensión do seu paso polo Ministerio de Ultramar por dúas ocasións nos tempos convulsos da chegada a Primeira República, no derradeiro terzo do século XIX e que do seu tesón e o seu compromiso cos dereitos humanos e coa liberdade xurdiu a abolición da escravitude en Puerto Rico e desatou a súa posterior desaparición en Cuba, pareceume incrible que, por exemplo, o seu nome non apareza sequera na galería de persoas ilustres do seu concello natal, San Cristovo de Cea, de onde, ademais, chegou a ser alcalde. E, sobre todo, que non haxa nin un só e insignificante memorial que lembre nalgures que un ourensán acabou coa escravitude nas Antillas.
De aí que, no canto de apuntar nomes e virtudes dos sete ourensáns que palparon coas súas posadeiras o privilexio de se sentaren no Consello de Ministros de España, decidise centrarme na figura desde seminarista que estudou Dereito en Salamanca, que fixo carreira na avogacía en Madrid e que acabou sendo deputado por Ourense e por Puerto Rico e senador vitalicio, non sen,no medio, xestionar por dúas ocasións o Ministerio de Ultramar -onde conseguiu acceder a mecha que fixo saltar polos aires o drama da escravitude española-, así como o Ministerio de Fomento, xa coa Primeira República en cernes e Serrano na súa presidencia.
Como é moi fácil de imaxinar, non foi doado, nin para Mosquera, nin para Zorrilla -o seu presidente-, nin para tódolos abolicionistas, sacar adiante o proxecto da supresión legal da escravitude na España do Caribe.
Para resumir digamos que os progresistas levaban sendo enganados ou predicando no deserto da elite económica e social dende mediados de século, ata que gracias á revolución do 68, a "Gloriosa", dúas iniciativas lexislativas previas (Manuel Becerra e Segismundo Monet) afondaron en como levar a cabo o proceso en 1870.
Sen embargo, tivo que chegar Ruíz Zorrilla á presidencia do goberno e o ourensán ó Ministerio de Ultramar para que eses primeiros acenos comezasen a florecer.
Segundo relata Antonio Pinto Tortosa no seu traballo sobre "Libertad frente a esclavismo", logo dunha campaña promovida pola "Sociedad Abolicionista Española", o ministro de Cea "principió un conjunto de tareas que hicieron posible este objetivo más adelante", deixando claro dende o principio o seu firme compromiso co programa abolicionista.
E como exemplo aproveitou a intelixente e insólita estrataxema dun escravo chamado José León, que paga a pena reflectir para dármonos conta da audacia e dimensión da iniciativa.
Resulta que o tal "negro criollo José León", propiedade dunha facendada chamada Antonia Fabrín, cando pousou os pés en España, acompañando á súa dona, elevou unha reclamación ó ministro "exigiendo su liberación, alegado que al haber pisado territorio peninsular, donde no existía la esclavitud, era un hombre libre". E velaí que o esquecido ourensán, "no sólo ratificó la libertad de José León, sino que animó a que se aplicase este criterio en casos similares".
A chegada da aprobación da lei aínda habería ter que esperar a dous cambios de goberno e ó seu regreso ó ministerio, pero o día 24 de decembro de 1872 acabouno conseguindo, razón pola cal, sen máis -xa sexa en Cea, xa en Ourense-, merecería un vistoso monumento.
Ata o de agora a provincia ten dado sete ministros ós distintos gobernos da complexa historia contemporánea española. Máis concretamente cinco ministros e dúas ministras, cada quen coa súa historia persoal e intransferible.
Vexamos, en todo caso, a súa relación, aínda que sexa telegráfica.
Presentado, Tomás María Mosquera y García (1823-1890), os outros seis poderiámolos agrupar entre os denominados históricos (século XIX) e os do actual período democrático.
Entre os primeiros, o máis coñecido é, sen dúbida, o ribeirán Eduardo Chao (1821-1887), ministro de Fomento e cunha vida apaixoante que levou a Curros Enríquez a escribir a súa coñecida biografía e a declarar nela, "nadie dejó huella tan profunda de su paso por el ministerio", malia ter aguantado nel soamente tres meses.
O seguinte foi Vicente Pérez y Pérez (1851-1921), outro avogado liberal metido a político. Director xeral de Prisións con Montero Ríos, foi ministro togado do Tribunal de Contas e acabou fundando os xornais el Eco de Orense y Miño.
Facendo de enlace entre o século XIX e o XX, continúa a saga ourensá Luís Espada Guntín (1858-1930), tamén avogado e deputado, neste caso conservador, por Verín. Foi Ministro de Fomento, de Instrucción Pública e Belas Artes e outra vez de Fomento. Dos outros tres, permítanme unhas mínimas pinceladas por formaren parte de gobernos da actual etapa democrática e, polo tanto, seren máis coñecidos.
Tal é o caso de Luís González Seara (1936-2016), ministro de Universidades e Investigación con UCD, así como das dúas Elenas, mulleres e socialistas ambas. A primeira Elena Salgado Méndez (1949), que ocupou Sanidade, Administracións Públicas, e Economía e Hacienda e a que máis alto chegou, xa que foi vicepresidenta dúas veces. E, finalmente Elena Espinosa Mangana (1960), ministra de Agricultura e de Medio Ambiente e actual man dereita de Abel Caballero no Concello de Vigo.
Quede como corolario o paradoxo de que nunha provincia conservadora, a maioría (5 de 7) teñan sido comprometidos progresistas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
UN DINOSAURIO SAURÓPODO
Hallazgo histórico al encontrar restos de huesos de un dinosaurio Diplodocus en Teruel
ANALIZAR LA FOTOSÍNTESIS
La Agencia Espacial Europea lanza el satélite FLEX para el monitoreo de la vegetación
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: martes, 15 de septiembre
RIESGO EN LA GESTIÓN
Los ideólogos de la IA frenan su desarrollo por miedo a que escape a todo control
Lo último