CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Rafaela R. Placer, a “nai dos cegos”

Unha muller vendendo os “cupóns dos cegos” no Madrid dos anos corenta.
photo_camera Unha muller vendendo os “cupóns dos cegos” no Madrid dos anos corenta.
As persoas cegas e con outras discapacidades conviven hoxe en espazos de igualdade de oportunidades. Pero non sempre aconteceu así. Foi necesario que antes existisen pioneiras que “mirasen” por elas, coma Rafaela R. Placer

O 13 de decembro de 1938 -en plena guerra civil- nacía en Burgos a Organización Nacional de Cegos, que hoxe convive connosco en forma de “cupón” facilitándolle a vida a milleiros de persoas invidentes ou afectadas por outras patoloxías sensitivas. E isto foi -malia que pareza incrible- grazas a pioneiras coma a ourensá Rafaela R. Placer, quen axudou a abrir o camiño da súa dignificación, pola vía da formación, cando o estamento que os rexía levaba o nome de “Patronato Nacional de Sordomudos, Ciegos y Anormales”!.

“Desde la infancia estamos familiarizados con la vista de estos seres desgraciados, dignos de compasión. Se les ve por villas y ciudades, por valles y montañas, con un violín, una guitarra, una zanfoña o una pandera, acompañados de una muchacha o de un rapazuelo. Apoyan la mano izquierda en el hombro del lazarillo y con la diestra sostienen el cayado. (...)A la puerta de establecimientos públicos, debajo de los balcones, ya en plazuelas o en fiestas campestres, ese ser es sinónimo de música y canto, de baile y alegría, porque la generalidad de los ciegos callejeros, de los que recorren ese vía crucis, tocan y cantan aires alegres, aunque parezca un sarcasmo del destino”.

Quen escribe isto, no ano 1897, é unha moza de 29 anos que leva nove traballando no Colegio Nacional de Ciegos de Madrid, primeiro como auxiliar e logo como profesora, e mergullándose nunha problemática coa que -queixábase- non estaba sensibilizada, nin a sociedade nin a clase política do momento, acostumados a que as persoas cegas ou con outras discapacidades estivesen illadas nos seus domicilios ou no seu caso formasen parte -tal como describe o texto- da paisaxe rural ou urbana.

Unha moza que respondía ó nome de Rafaela Rodríguez Placer e que nacera no seo dunha familia ourensá, no lugar de San Eusebio da Peroxa, segundo apunta Rosa Cid no blog “Historia das nosas mulleres ourensás”.

Pero non era, Rafaela, unha moza calquera, senón a primeira que ingresa no instituto ourensán e “una de las primeras alumnas de segunda enseñanza que obtiene en España este grado académico” -di a prensa en 1885-, así como unha das primeiras, tamén, en acceder á universidade para estudar Farmacia, carreira que, sen embargo, non remata cando decide centrar a súa actividade formativa no, daquela case inexplorado, mundo das ensinanzas especiais.

Unha moza que se mestura na sociedade madrileña en xeral (a súa familia desprázase tamén para Madrid) e que convive coa abondosa e prestixiosa colonia que se congrega arredor do Centro Galego. Especialmente co sector feminino que abandeiran Sofía Casanova -cando regresa de Varsovia-, Pardo Bazán ou Filomena Dato e que nos veráns regresa a Ourense para pasar estadías na finca familiar que posúen en Barra de Miño.

Son innumerables as referencias xornalísticas que ó longo da súa traxectoria se fan eco da actividade docente que exerce intramuros. Pero isto é porque ó mesmo tempo Rafaela entendeu que a atención ós discapacitados sensitivos non melloraría en canto a sociedade que vivía allea ó problema -e entre esta sociedade, a clase política- non se comprometese con el, de aí que a outra ferramenta utilizada fose a dos medios de comunicación, nos que se prodigou con éxito, aínda que tamén lle custou máis dunha polémica (unha sonada, co tamén ourensán Modesto Fernández) e incluso a humillación nos tempos da ditadura primorriverista, así como na República, con Fernando de los Ríos á fronte do ministerio.

“En 43 años de vida profesional son muchos los trabajos y escritos hechos por doña Rafaela en defensa de los intereses de los ciegos -escribe Victoriano Dueñas en 1932- y en pro de su enseñanza, pero sólo mencionaremos dos: un metro para que las no videntes puedan utilizarlo en el corte, por el que mereció la medalla de oro en la Exposición de la Asamblea Nacional de Sordomudos y de Ciegos celebrada en 1906, así como un aparato con el que pueden hacerse todas las figuras geométricas y que por su sencillez y bajo precio es uno de los mejores existentes en la materia”.

Rafaela exerceu durante medio século a súa actividade pedagóxica, divulgativa e de investigación e o día 14 de decembro de 1942 a Organización Nacional de Ciegos tributoulle unha homenaxe reparadora, xa que ata ese momento tan só contaba -a dicir de Dueñas- “con el cariño de sus discípulos y la gratitud de los que la consideramos la madre de los ciegos, pues, si hubiera en España unas cuantas docenas como ella, quedaría roto para siempre el prejuicio de incapacidad que sobre nosotros pesa”.

O “vademecum” dos invidentes e o neno, xordomudo e cego, que bailou a muiñeira

Rafaela co alumno César Torres.
Rafaela co alumno César Torres.

Alén do tesón e a fortaleza coa que desenvolveu a súa actividade docente no Centro de Sordomudos y Ciegos, dous son, sen lugar a dúbidas, os fitos que marcaron o periplo de Rafaela. O primeiro, no ámbito da formación e o segundo no da divulgación dos coñecementos que ó longo dos anos foi adquirindo sobre as singularidades humanas nas que se moven as persoas xordomudas e cegas.

No ano 1924 chega ó centro un neno de sete anos chamado César Torres que con só 22 meses quedara cego e xordo como consecuencia dun ataque de meninxite. “Con paciencia y abnegación extraordinarias se consagró doña Rafaela -escribe María Jesús Baga- durante 13 años a la educación de este niño, utilizando el método alemán para ciegos y sordomudos, así como el alfabeto manual del español Ponce de León y otros ideados por ella, consiguiendo que César obtuviera el título de bachiller en el Instituto Cardenal Cisneros”.

O compromiso da mestra co alumno foi tal que ata nas tempadas estivais, cando a familia de Rafaela regresaba a Ourense, viaxaba con ela ata Barra de Miño, onde -segundo escribe Fernández Oxea- o mozo “concurría a las fiestas de Coles y, como no quería aburrise, decidió aprender a bailar, lo que consiguió por un procedimiento muy ingenioso y yo le he visto trenzar algunos puntos de muiñeira”.

César Torres chegou a traballar como bibliotecario do Colexio Nacional de Ciegos, a casar e vivir unha vida practicamente normalizada e, o seu caso, a ser comparado co da nena xordocega americana, Helen Keller e a súa pedagoga Anne Sullivan.

Como consecuencia de toda a experiencia adquirida ata ese momento, Rafaela publicou en 1929 a obra “Apuntes sobre pedagogía especial para ciegos”, que está considerado o primeiro “vademecum” da formación especial para invidentes de España. Por todo elo, ó remate da súa andaina acabaría sendo recoñecida coa “Gran Cruz de Beneficiencia”, ademais da “Medalla de Oro al Trabajo” e, como xa queda dito, tamén pola propia Organización Nacional de Cegos.

Pero a actividade de Rafaela aínda foi máis alá, xa que ó igual cás súas amigas galego-madrileñas, tamén afondou na poesía, non en van era curmá dos escritores Heraclio Pérez Placer e Camilo Placer Bouzo.

Unha fría mañá de febreiro de 1956, Rafaela pechou os ollos para sempre e Ben-Cho-Sey, nun emotivo obituario, escribiría: “...Por eso esta mañana, los ojos velados se veían llenos de lágrimas y los bastones batían fuertemente sobre el enlosado de las calles, como implorando al cielo por la que había sido profesora, amiga, confidente y madre de los ciegos madrileños”.

Te puede interesar