A tradición cantada enche os bares de Trives

Máis de 160 músicos reuníronse na praza do Pilón para dar inicio ós Cantos de Taberna, un evento histórico que congregou a 16 grupos musicais, organizado pola asociación cultural A Caniceira e o seu grupo insignia As Macizas Centrais.

Paseniñamente pandeiretas, gaitas, tambores e bombos ían aparecendo pola Praza do Pilón na Pobra de Trives, deixando constancia de que era día grande na vila. Máis de 160 músicos se citaban no lugar o sábado ás 18,30 horas para dar comezo a outra edición de Cantos de Taberna.

Nunha atmosfera cargada de tradición, a vila de Trives celebrou a súa décimo sétima edición dos Cantos de Taberna, marcando historia ao reunir a un total de dezaseis grupos nunha festa musical sen precedentes. Este evento, impulsado pola Asociación Cultural A Caniceira e o seu grupo As Macizas Centrais, converteuse no referente da provincia de Ourense, os decanos, reavivando a esencia dunha práctica que marcou xeracións pasadas en Galicia.

A tradición de cantar nas tabernas é un legado arraigado na historia cultural galega, perdurando no tempo como unha expresión auténtica do folclore transmitido de xeración en xeración. En tempos pasados, estas melodías ecoaban en todo o territorio, desde a tasca máis humilde ata o local máis concorrido, creando un xeito único de camaradería, compartindo música e viño. Aínda que esta tradición chegou a cambalearse no pasado, hoxe en día rexorde con forza en diferentes puntos de Galicia, manténdose viva en numerosos recunchos. Desde O Courel ata Vigo, de Santiago ata Pobra de Brollón, ou de Melide a Trives, pódese gozar de eventos especiais de Cantos de Taberna ao longo do ano. A organización trivesa resalta que cada edición colle máis forza na vila: “Este ano foi increíble o número de grupos que se interesaron polos nosos cantos”.

Éxito de participación

Con todo, a décima sétima edición en Trives foi a de maior participación ata a data. Dezaseis grupos, incluíndo a As Macizas Centrais, San Nordés e Somosche d´herbas de Trives, os Trabazos de Castro Caldelas, Son do Bibei de Valdeorras, Abertal da Rúa, Repunantes e Quinchousas de Manzaneda, Trabazos de Castro Caldelas, Xunquereteiras de Xunqueira de Espadanedo, Recanto de Quiroga, e otros chegados de máis lonxe como Taboucas de Amoeiro, O Lobo da Xente de Laza, As Travesas da Mezquita, Tokaide do Carballiño, Papuxa de Vigo e Son da Illa desde A Illa de Arousa, encheron os bares con música en vivo, marcando un fito na historia desta festividade. 

A xornada estivo marcada pola diversión, a irmandade e, por suposto, a música. A partir das 19,00 horas e ata ben pasadas as 23,00 horas, cada grupo ofreceu o seu repertorio de cancións populares, facendo que as ferreñas bailaran ao son das gaitas, con algún aturuxo ben entonado, creando un ambiente festivo no Quintela, San Martín, Cafeto, Sky, Casanova, Paíño, O Pan da María, A Cantina do Catro, Bodegón, Boliche e Manolo’s. “Temos moita sorte que os locais sempre estean dispostos a colaborar con nós para poder levar esta festa adiante, sen eles esto non sería posible” engaden desde a directiva da asociación. Os concertos improvisados nos bares remataban arredor da medianoite, quedando emplazados para continuar coa festa tocando todos xuntos na Praza Doutor Paz. A organización agasallaba a cada grupo cunha bica de Trives e un diploma, e todos xuntos fixeron que a festa se extendera ata altas horas na praza e posteriormente nalgúns locais, entonando pezas que todos conservan no seu repertorio e que son transmitidas de xeración en xeración.

Economía local

A afluencia de veciños e visitantes encheu as rúas e cafeterías, transformando a vila nun fervedoiro de alegría e música. Para a asociación cultural A Caniceira, este evento non só é unha mostra de tradición e folclore, que cada ano colle máis forza, “senón unha maneira de impulsar a economía local, grupos como o chegado da Illa de Arousa aloxáronse na localidade desde o venres, otros moitos fixeron noite o sábado e os restaurantes tamén notaron a afluencia de visitantes”. Algúns destes grupos é a primeira vez que asisten aos cantos triveses, outros levan desde a primeira edición concorrendo a esta festa.

A preocupación por preservar e revitalizar as raíces e tradicións é o motor que impulsa á asociación A Caniceira, que busca difundir o valioso patrimonio inmaterial a través da música e a arte. Nun mundo moderno, esta iniciativa demostra que o vínculo coas tradicións ancestrais segue sendo fundamental para o tecido cultura. n

Te puede interesar