Teatro

A Moti reúne 16 espectáculos durante seis días de programa

Noemí Iglesias, Manuel Freire, Olga Mojón, Fernando Dacosta e Ana María Torrado.
photo_camera Noemí Iglesias, Manuel Freire, Olga Mojón, Fernando Dacosta e Ana María Torrado.
A XVI edición da Mostra arranca o sábado e contará con 14 compañías, con maioría galega

Catorce compañías, 16 representacións e seis días de actividade son as cifras coas que se presenta este ano a Mostra de Teatro Infantil de Ourense (Moti). Cun anticipo de teatro de rúa o día 21 de decembro, a programación desta edición desenvolverase do 26 ao 30 de decembro e nela volverá a ter un protagonismo destacado o campus de Ourense, xa que ademais de ser unha das entidades que financia o certame acollerá varios dos seus espectáculos e incluirá nela a actuación da súa Aula Universitaria de Teatro Infantil Geppetto.

A rolda de prensa de presentación da 16ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense contou coa participación do director da Moti, Fernando Dacosta; a directora da Área de Dinamización Cultural do Campus, Ana María Torrado; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, e o técnico de Cultura do Concello de Ourense, Manuel Freire. Os representantes institucionais coincidiron en destacar a relevancia desta cita na programación do Nadal, facendo fincapé Ana María Torrado no compromiso do campus coa cultura e co teatro e con ser "parte viva das actividades da cidade".

Fernando Dacosta foi o encargado de explicar as características desta edición da Moti, que leva por lemas "dedicarlles o teu tempo é o mellor agasallo" e "unha nova xeración de nenas e nenos Moti", atendendo a que a mostra cumpre 16 anos. Sobre a programación, o director lembrou como se desenvolverá no campus de Ourense, no Auditorio Municipal e no Teatro Principal, ademais das rúas da cidade. O teatro das 14 compañías participantes será "fundamentalmente teatro galego, porque hai un teatro infantil de moitísimo nivel", aínda que tamén acudirán compañías de Andalucía, Euskadi e Asturias. As 16 representacións que se poderán ver abranguen unha gran diversidade de xéneros, con teatro de rúa, de actor, de sombras, para bebés, de obxectos, de marionetas, xestual e de máscaras, circo, clown, teatro musical e concertos. 

O orzamento da 16ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense ascende a 45.000 euros, 13.000 euros achegados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense. O prezo das entradas será de tres euros nas representacións nos espazos universitarios e na actuación de Geppetto e de catro euros no resto de espectáculos, excepto os de animación de rúa que son de balde.

A programación comezará este sábado, día 21, na rúa do Paseo con Trécola Teatro. A partir dos xoves, día 26, comezarán os espectáculos, na súa maioría dirixidos a espectadores a partir dos tres anos, se ben algunhas propostas son pensadas para bebés e outras, máis complexas, para nenos maiores de sete anos. Unha das citas salientadas do programa, que rematará o luns, día 30, é a estrea da última obra de Geppetto, a Aula Universitaria de Teatro Infantil do campus de Ourense, titulada "Mati e os superpoderes". 

Como xa é tradición, a Moti conta cunha compoñente solidaria, posto que a recadacións das representacións que se desenvolvan no Campus de Ourense destinaranse a Unicef. Como novidad, este ano o certame colabora tamén con Amencer.

Te puede interesar