INVESTIGACIÓN

25 anos despois, para pór en valor a investigación no eido forestal

A Sociedad Española de Ciencias Forestales entregou os premios nacionais en Pontevedra
photo_camera A Sociedad Española de Ciencias Forestales entregou os premios nacionais en Pontevedra

A Sociedad Española de Ciencias Forestales entregou os premios nacionais en Pontevedra

No ano 1991, constituíase en Pontevedra a Sociedad Española de Ciencias Forestales (SECF), organismo que reúne a investigadores, empresas e profesionais deste eido co propósito conxunto de fomentar o estudo e o progreso das ciencias e técnicas forestais en España. 25 anos despois, a SECF retornou a Pontevedra para facer entrega, nun centro que tamén alcanza este ano o cuarto de século de historia, a Escola de Enxeñaría Forestal, dos premios cos que cada ano recoñece ás investigacións realizadas por alumnado de toda España nun sector no que “faise moito traballo de I+D e que moitas veces non está o suficientemente recoñecido”, como lembrou o seu presidente, Felipe Bravo.

Estudantes das universidades de Valladolid, León e Politécnica de Madrid recolleron os premios e accésit que o xurado destes galardóns outorga nas categorías de mellor tese de doutoramento, traballo de fin de carreira ou grao e proxecto de fin de máster, defendidos no pasado ano 2015. Uns premios que por primeira vez se entregaban na EE Forestal, “e a elección non foi ao azar, senón como un recoñecemento á implicación dunha escola moi relevante” e que é un dos tres centros universitarios que é socio institucional da sociedade, como lembrou Bravo. “Volvemos un pouco ás orixes”, engadiu o director da SECF, nacida hai 25 anos en Lourizán, onde celebrou tamén a primeira edición do Congreso Forestal Español.

“Tanto a SECF coma nós cumprimos 25 anos, e iso non é unha casualidade”, engadiu o director da escola, Enrique Valero, na apertura deste acto, no que tamén participou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, que tamén fixo énfase nunha efeméride que dá continuidade á propia celebración, o pasado ano, do 25 aniversario da Universidade de Vigo. Tras lembrar a recente celebración do Día Mundial dos Bosques, na que a EE Forestal reuniu na Praza da Ferrería aos responsables dos cinco centros de investigación e formación vinculados co sector do municipio, Corbacho incidiu na importancia de “fomentar as sinerxías e a colaboración entre estas institucións”, que, lembrou, é precisamente o obxectivo do proxecto da Rede Aloia, que a Universidade trata de impulsar. Nese mesmo senso, Valero incidiu tamén que “esta escola, xunto co resto de centros da cidade, estamos empeñados en converter a Pontevedra nun referente Europeo en temas forestais”.

Te puede interesar
Más en Universitas