UNIVERSITAS

Ciencia e divulgación galegas e en galego

gal1_result
photo_camera José María Sánchez, Paulo Cabral, Valentín Garcia, Salustiano Mato e Luis Navarro.

Máis de 600.000 descargas, 14 premios internacionais e visitas dende 142 países avalan a calidade dos vídeos científicos elaborados polo grupo Divulgare, do Laboratorio de evolución e ecoloxía da Universidade de Vigo.

Máis de 600.000 descargas, 14 premios internacionais e visitas dende 142 países avalan a calidade dos vídeos científicos elaborados polo grupo Divulgare, do Laboratorio de evolución e ecoloxía da Universidade de Vigo. A súa aposta pola divulgación da ciencia para poñela ao alcance de todos os públicos únese agora coa defensa do galego, da lingua propia como vehículo para facer e para transmitir a ciencia. Desta unión xorde a iniciativa de ofrecer a versión en galego de todos os vídeos do grupo, un traballo realizado en colaboración coa Área de Normalización Lingüística ao abeiro do convenio que a Universidade de Vigo asina anualmente coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en materia de política lingüística para amosar que “en galego tamén se pode facer ciencia”. O pasado venres tivo lugar a presentación pública das pezas audiovisuais, un total de 20, nun acto que contou coa presenza do reitor da Universidade, Salustiano Mato; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García e os profesores Luís Navarro e José María Sánchez.

Mato explicou que coa presentación “deste novo produto tratamos de seguir impulsando a idea que temos incrustada e pola que levamos anos pelexando, que é a ciencia en galego, porque en galego tamén se fai ciencia”. Estes vídeos achegarán os contidos científicos e innovadores non só á comunidade universitaria, senón especialmente ao estudantado de secundaria, e en galego, creando e divulgando terminoloxía e vocabulario entre os futuros universitarios e incidindo nunha franxa de idade na que o uso da lingua propia se está a perder.

Unha vez feitas as traducións, agora dende Divulgare están a traballar un portal web que dea acubillo a estes e aos futuros vídeos para poñelos a disposición non só da comunidade universitaria senón da sociedade en xeral. José María Sánchez explicou que esta canle terá unha liña argumental baseada co cambio global. Neste sentido, o secretario xeral de Política Lingüística salientou a utilidade destes recursos porque cumpren con tres aspectos estratéxicos. Por unha banda, achegar a lingua galega ao campo das TIC e do audiovisual para que se vexa “que non é un idioma secular, é unha lingua viva e actual”. Por outra banda, apostando polo galego nun eido como é o da ciencia, no que a lingua predominante é o inglés e, finalmente, ten un importante labor docente xa que achega a estudantes de diversas idades coñecementos científicos e de sostenibilidade en galego.

Te puede interesar
Más en Universitas