CULTURA

Jazz ‘á galega’ na celebración do Concerto de Nadal

A Orquestra de Jazz de Galicia estrea ‘Fame’ e pecha así as celebracións do 25 aniversario da Universidade.

Un novo xénero musical nun novo espazo. O Concerto de Nadal da Universidade de Vigo está de estrea por partida dobre o ano que a institución académica cumpre o seu primeiro cuarto de século. Por unha banda, o jazz debutará como xénero protagonista dunha actuación na que a Orquestra de Jazz de Galicia presentará o seu primeiro traballo, Fame, e pola outra, o Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo acollerá por vez primeira este concerto que se celebrará o xoves 17 de decembro.

“Renovamos a nosa cita anual coa sociedade viguesa no ano no que a Universidade está de aniversario e facémolo cun concerto moi especial que pecha as nosas celebracións e que vén a confirmar o gran momento que está a vivir o jazz galego”, explica Manuel Fernández, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, sobre este concerto no que a Orquestra de Jazz de Galicia estará acompañada sobre o escenario por máis dunha decena de artistas. 

O Auditorio Mar de Vigo, con capacidade para máis de 1.400 espectadores, acollerá por primeira vez na historia da institución o Concerto de Nadal da Universidade. “Con esta nova localización máis ampla pretendemos atender a demanda da comunidade universitaria e a sociedade en xeral, sinala o vicerreitor. Os membros da comunidade universitaria poderán descargar a súa invitación online e xa a partir do día 14 haberá convites na oficina da Vicerreitoría de Extensión Universitaria ao dispor do público en xeral. n

Te puede interesar
Más en Universitas