O Barco presenta a adaptación de "A camisa" de Lauro Olmo en formato podcast

A peza do dramaturgo barquense foi traducida por Ramón de Valenzuela

Cinco episodios en formato podcast recuperan a tradución ao galego que o escritor silledense Ramón de Valenzuela fixo da peza teatral “A camisa”, do dramaturgo barquense Lauro Olmo (1921-1994). Este traballo, dirixido por Tito Asorey, da Quinta do Cuadrante, e que conta con actores da relevancia de Melania Cruz ou Josito Porto, é resultado da colaboración do Consello da Cultura Galega e o Concello de O Barco de Valdeorras. O proxecto pode seguirse na páxina web do CCG.

O salón de actos do Edificio Multiusos do Barco acolleu onte a presentación deste traballo. Na súa intervención, o alcalde, Alfredo García, destacaba a relevancia do ano, non só por ser o 60 aniversario da obra “A camisa”, senón porque fai un ano, no 2021, foi o centenario do nacemento do seu autor, como máis tarde explicaría a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta. O rexedor lembrou que tamén se cumple un século do nacemento do pintor barquense Jesús Díaz Ferrer (1922-2017). “É un ano importante desde o punto de vista das letras e as artes”, comentou o alcalde, que aproveitou o acto para transmitir os eloxios de Lauro Olmo fillo aos participantes no proxecto. 

Pola súa banda, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, apuntou que “ 'A camisa' uniu a figura de Lauro Olmo como dramaturgo coa de Ramón de Valenzuela, un renovador do teatro galego que tivo que facer boa parte da súa obra no exilio americano”. Ademais de reivindicar a importancia da tradución, resaltou que co pase ao galego da obra do dramaturgo barquense “únense a emigración e o exilio”.

A actriz Melania Cruz suliñou a importancia do podcast, que considerou un “exercicio de memoria e tamén teatral”, pola súa temática.

A concelleira Margarida Pizcueta explicou que o podcast é froito dun traballo que arrancou fai uns tres anos e que supón o primeiro paso para dar a coñecer a obra fóra. “E máis coñecida fóra de Galicia que dentro e queriamos traela”. Xa en referencia ao formato podcast escollido, comentou que “imos cos tempos”.

Te puede interesar