Letras Galegas 2022

Dous novos libros tratarán a vida e obra de Florencio Delgado

Trátase dunha biografía e dunha guía didáctica, que serán presentadas este xoves no Barco

Dous libros sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, serán presentados este xoves día 31 de marzo na biblioteca municipal do Barco de Valdeorras. En concreto, trátase dunha guía didáctica e unha biografía que tratarán a vida e obra do poeta de Córgomo.

A biografía, titulada Florencio Delgado Gurriarán, nosa Galicia é máis que toda a Terra, leva a sinatura de Tania Pérez Pérez e Xosé Ramón Campos Álvarez. Nas súas páxinas analizan a figura de Florencio abordando o legado que deixou o autor nos eidos da cultura, a política e a literatura.

Por outra banda, a Guía de traballo As Letras de Florencio, para infantil, primaria e secundaria, foi elaborada por Débora Álvarez, quen ademais dirixe o proxecto As Letras de Florencio.  Segundo afirman desde o devandito proxecto, “será unha ferramenta clave para o traballo nos centros educativos”.

Ao acto, que está previsto para as 20,00 horas, asistirán as autoras de ámbolos dous libros, así como a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; e o xerente da editora que os publica (Edicións Ir Indo), Xelasio Suárez.

Trala presentación servirase un refrixerio entre os asistentes “procurando xerar unha conversa sobre a potencialidade da obra de Florencio no eido educativo”.

Te puede interesar