Luis Menor, en Valdeorras: “A nova sede subsana unha deficiencia de atención”

O presidente Luis Menor, acompañado do delegado da Xunta e os alcaldes da comarca.
photo_camera O presidente Luis Menor, acompañado do delegado da Xunta e os alcaldes da comarca.
O presidente da Diputación de Ourense dá o seu apoio á mellora da conexión da comarca co ente provincial

“Subsanar unha deficiencia de atención derivada da lonxanía” de Valdeorras coa capital da provincia, dando “unha resposta áxil ós problemas”, é para o presidente da Deputación, Luis Menor, a razón principal da apertura dunha nova sede do ente provincial na comarca. A inauguración do espacio propio, nas dependencias da Casa Grande de Viloira, no Barco, levábase a cabo na mañá de onte, e ó evento acudían o delegado da Xunta, Gabriel Alén, e todos os alcaldes dos concellos da comarca. 

Na reunión, Menor sinalou o “potencial económico e demográfico de Valdeorras” como primeira razón para que a comarca “teña unha axenda propia”, pero insistiu en que o obxectivo non é “crear unha Deputación bis, pretendemos achegar o diálogo e a presencia nosa aquí”. Un proxecto que, lembrou, foi unha das líñas de actuación cando comezou o mandato, “dar un tratamento específico a Valdeorras que subsane as distancias que a apartan moito e fan difícil a relación”.  

Para o presidente do ente ourensán, a sede física, “necesaria para axilizar os problemas”, é un paso máis para “achegar a Deputación á comarca”, que ven a completar o nomeamento de Mari Carmen González, alcaldesa de Carballeda, coma delegada en Valdeorras. “De momento, temos a unha persoa encargada do trato diario, para atender as demandas dos alcaldes, sindicatos e outros colectivos, a todo o mundo que queira ser atendido”, explicou Menor, adiantando a posibilidade de facilitar, “co tempo”, unha “atención administrativa”. 

Comunicacións

Falou tamén o presidente dos problemas de comunicación que sufre Valdeorras. “A A-76 segue a ser un soño, a N-120 non está en bo estado (...) ou as comunicacións ferroviarias que tampouco están en bo estado” poderían ter mellor e máis rápida solución se “todos loitamos para melloralas” pero sobre todo, se Valdeorras conta “cun espazo onde os temas da comarca podan ser tratados pola Deputación directamente”, para ser ”moito máis eficientes”. 

Preguntado pola mala situación da carreteira de San Vicente, en Vilamartín, o presidente da Deputación apuntou que esa necesidade é coñecida por todos e leva moitos anos sen solución”, polo que a nova delegada “xa traballa nunha fase de reformulación técnica” e esperan poder avanzar “nun problema que se enquistou demasiado tempo” e que xa lle apremia unha solución urxente. 

Pizarra

A intervención Menor foi precedida pola do delegado da Xunta, Gabriel Alén, quen felicitou á Deputación por abrir unha delegación. Sobre a situación da pizarra explicou que “é absurdo que alguén que ten un documento da propiedade dun terreo e reciba unha orde de desahucio”, e apuntou que hai “tempo ata novembro para atopar unha solución”. 

Te puede interesar