O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra xa ten guardiáns

O guía captura o momento no que Cristina Pichel posa cos voluntarios no Centro de Visitantes
photo_camera O guía captura o momento no que Cristina Pichel posa cos voluntarios no Centro de Visitantes

O programa de voluntariado ambiental interxeracional da Xunta de Galicia chegou a súa fin este sábado ca última das actuacións no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, en Rubiá. Os voluntarios traballaron en 18 espacios naturais de toda Galicia

Martín Carrón é o novo guía responsable do Centro de Visitantes do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, en Rubiá. No seu afán por conseguir que todo o que entre polo portón do centro se sinta ben informado, dispón no mostrador todos os folletos informativos no seu poder e recibe ós visitantes, hoxe un tanto especiais, porque forman parte do programa de voluntariado ambiental interxeracional da Xunta de Galicia. 

As caras ennegrecidas dos voluntarios xa o din todo. Levan toda a mañá na ruta da ermida de San Estevo, nunha zona de reserva, podando enciñeiras que se queimaron nos gravísimos incendios do ano pasado. No centro de visitantes son recibidos pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; a veteranía dos que repiten experiencia déixase notar nos primeiros saúdos. Tras un breve aseo, Martín, o guía, indícalles a mellor zona para capturar o momento nunha fotografía, momento que aproveita para seguir falando de flora e fauna do parque. 

O programa daba comezo no mes de xullo deste ano e onte os voluntarios facían a última das intervencións en Valdeorras. “Este ano ofrecimos máis de 430 prazas e fixeron actuacións nun total de 18 espazos naturais diferentes por toda Galicia, persoas de todas as idades. A idade media é 33 anos pero pode participar xente desde os 18 ata cando queiran”, relatou a directora xeral. Para ela e para o ente ó que representa, trátase dunha “maneira de descubrir non só o noso patrimonio natural e patrimonial, senon tamén un xeito poder visitar lugares onde poidan deixar a súa pegada, o seu gran de area para contribuir a mellorar o patrimonio”.

A sala de exposicións do centro de visitantes recibíaos co desplegue de roll-ups informativos que Martín explicaba con detalle. O guía ofrecía o seu relato con verdadeira paixón e os voluntarios escoitaban atentos toda aquela información interesante e para tantos descoñecida. “Trátase de descubrir zonas que son ricas no ámbito natural e en moitas outras cousas, por iso este programa suscita tanto interese e cando sacamos as prazas esgótanse ás poucas horas”, asegurou Pichel. 

A Serra da Enciña da Lastra comparte cartel con outros parques naturais de Galicia, entre eles o parque natural das illas Atlánticas. Tamén contempla actuacións nalgunhas das reservas da biosfera e tamén en monumentos naturais como a Fraga de Catasós e a Costa do Dexo, que foron as dúas últimas incorporacións deste ano. Para a directora xeral, esta “é unha iniciativa que suscita moito interese, porque realmente trátase tamén dunha convivencia interxeracional porque hai xente máis nova e xente máis maior xa xubilada que decide manter o seu tempo activo”. 

A experiencia remataba cun xantar na aldea de Pardollán e despois cunha ruta de 6 km de sendeirismo polo Val do Sil, visitando a enciñeira de 500 anos e o embarcadoiro cun pequeño baño.

Te puede interesar