A feria de Castrelo de Miño acolleu talleres encol dos recursos da enerxía solar

Exhibición dun refractor de luz solar, onte, en Castrelo (Foto: JOSÉ PAZ)
Centos de persoas acudiron ao longo de todo o día de onte á xornada feiral celebrada no campo de Barral, no municipio de Castrelo de Miño, que organiza o Concello cada último domingo de mes e sempre cun contido temático específico
Nesta ocasión, as autoridades municipais decidiron adicar esta edición da feira ó sol e ás enerxías que del derivan, cun programa de actividades que se desenvolveu nas inmediacións do Parque Náutico de Galicia.
Con esta finalidade, un grupo de expertos pertencentes á asociación cultural Os Picos do Sol levou a cabo varias demostracións encol do uso da enerxía térmica e fotovoltaica, que conqueriron a atracción dos visitantes.
Dentro da programación elaborada para o día organizáronse talleres sobre a conversión da luz solar en calor e coma fonte de electricidade, actividades que centraron o programa didáctico, que foi exposto de forma lúdica para a fácil comprensión dos asistentes.

MERCADO
Ademais, as persoas que se achegaron ata Castrelo de Miño tiveron a oportunidade de coñecer o mercado artesanal, integrado por 25 postos ambulantes, e o comercial, con máis dun cento de vendedores con todo tipo de productos como roupa, calzado, libros e música por unha banda, e pan, doces, charcutería, froitas e hortalizas, por outra.
No recinto de Barral tamén se poden mercar sementes de viveiros e complementos para a horta, a viña, e a adega. A feira tamén pon á disposición dos visitantes unha carpa cuberta cun aforo para 500 comensais, onde se pode xantar pulpo e carne ó caldeiro.

Te puede interesar