Teatro

O público da MIT premiou "Como si pasara un tren"

O Premio do público da edición de 2015 da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia  foi para o espectáculo de La Trastienda

O Premio do público da edición de 2015 da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia  foi para o espectáculo de La Trastienda, Como si pasara un tren, escrito e dirixido polas arxentinas Lorena Romanín e Adriana Roffi e interpretado polos actores españois Carlos Guerrero, Marina Salas e María Morales. En segundo lugar quedou La Merda. Este espectáculo italiano obtivo un gran éxito tamén da crítica, que valorou o traballo como memorable, impecable, imperdible e celebrado con case 10 minutos de ovacións encendidas en pé de todo o auditorio do castelo.

En terceiro lugar Chévere (Premio Nacional de Teatro), compañía galega que estreou o Club Artístico como novo espazo da MIT e que co seu popular docu-musical As fillas bravas formula un interactivo e crítico con perspectiva de xénero. Por último, en cuarto lugar La imaginación del futuro, unha obra que, en palabras de Marco Layera, o seu director, pretende realizar unha reflexión crítica sobre  a clase política e a violencia que caracterizou a Chile. 


Por outra parte, a organización da MIT abrirá un arquivo na súa páxina web con todo o material audiovisual, para que todos os usuarios poidan facer uso das gravacións dos foros, unha das novidades desta edición que se fixará para o futuro como ferramenta indispensable para a mediación, a ampliación e o fomento da análise e do achegamento lúdico ao pensamento e ao debate arredor da arte dramática e dos seus axentes creativos.

Te puede interesar