O silencio do Val

Obituario

O Tonho Cesteiro era un ser humano singular e libre até o fin. Pecho os ollos agora e lémbroo feliz

Aser Álvarez
Publicado: 05 dic 2020 - 09:57
2020120411200528177
2020120411200528177

Hoxe erguinme cedo convencido de que todo fora un pesadelo e quixen chamalo por teléfono para escoitar a súa voz. Só puiden escoitar os acordes do "Silencio do Val" e os pasos silandeiros dun druída sobre a neve polo camiño do Principio do Mundo. O Tonho Cesteiro era un ser humano singular e libre até o fin. Pecho os ollos agora e lémbroo feliz, asentindo mentres eu falaba diante dunha moitedume emocionada, cos seus cestos como atril e co Benito facéndose o durmido nun deles, naquela presentación inesquecíbel de “Cesteando” no Principal de Ourense, un documental que é un acto artístico de amor dun dos seus grandes amigos, o cineasta Plácido Romero, que conta cunha maxistral banda sonora do compositor arraiano, Daniel Romero.

Aquel día dixen que “Cesteando” era unha obra mestra do cine galego contemporáneo, un deses poucos filmes realmente máxicos porque fan de nós mellores seres humanos. Un documental feito con agarimo de artesán e precisión de alquimista onde nos contan a historia dun ser humano extrarodinario cunha orixinal visión da vida. Tonho Cesteiro xa é eterno coma as mámoas do Laboreiro, onde vai seguir cesteando para sempre na torgueira do alén, tocando o seu djembé ao ritmo da terra, cos nosos mortos danzando e animándonos a reconquistar dunha vez a liberdade persoal e como pobo para repoboar e reconquistar a nosa terra.

Todos os que tivemos a sorte de camiñar algún treito do camiño á súa beira estamos en débeda con il. Polos seus sabios consellos e hospitalidade, polo seu agarimo e sabedoría, por aprendernos a cestear e por facernos bailar cos Rampeiros. Moitos ficamos marcados pola súa forza telúrica, o seu espírito libertario e a súa enerxía inesgotábel. Por iso é tanta a dor e consternación que provoca a súa partida. Enorme, de valor incalculábel é tamén o saber que se foi con il, que tanta cousas tiña aínda por facer, aos seus sesenta anos. Esta traxedia é algo máis levadeira grazas á neve que cae agora sobre o Val e grazas ao seu gran amigo, Plácido Romero, que nos agasallou con “Cesteando”, onde está xa para sempre o espírito irredento e arraiano do Tonho, para sentilo algo máis perto de nós. Beizóns.

Contenido patrocinado

stats