CEN FOTOGRAFÍAS
O álbum de Carmen Martín Gaite abre as súas páxinas
CEN FOTOGRAFÍAS
Antes de converter Piñor en escenario dalgunhas das súas novelas máis coñecidas, Carmen Martín Gaite inmortalizouno mediante fotografías. As paisaxes, as casas, as xentes e a vida cotiá da aldea quedaron gravadas nun álbum familiar que, décadas despois, sae á luz convertido nun documento de enorme valor histórico, antropolóxico e literario. Ese legado poderá descubrirse desde o vindeiro sábado no Centro Cívico de San Lourenzo en Barbadás coa exposición “As palabras postas en fila: o álbum de Carmiña Martín Gaite en Piñor”, organizada polo Concello de Barbadás con motivo do centenario do nacemento da escritora.
A mostra reúne máis dun cento de fotografías, debuxos, recortes e anotacións manuscritas realizadas pola propia autora e pola súa familia. As imaxes retratan a arquitectura popular, os traballos agrícolas, as romarías, a paisaxe e os habitantes da Galicia rural do primeiro terzo do século XX, conformando un fondo documental de grande valor etnográfico. Pero tamén permiten reconstruír a estreita relación que Carmen Martín Gaite mantivo con Piñor, a aldea materna onde pasou os veráns da súa infancia e adolescencia e que ela mesma definiu como o lugar no que descubriu a liberdade e espertou a súa vocación literaria.
O comisario da exposición, o xornalista Luis Congil, dedicou preto de cinco anos a investigar e contextualizar o arquivo, identificando lugares, persoas e episodios que aparecen nas fotografías. Segundo explica, o seu interese vai moito máis alá da imaxe. “É un tesouro antropolóxico dun valor incalculable”, sostén, ao considerar que conserva información sobre a arquitectura, a vestimenta e os labores agrícolas dun mundo rural que desapareceu en boa medida. Entre as pezas destaca unha fotografía da rúa das Quintas, na que conviven elementos da vida cotiá que hoxe permiten reconstruír con precisión aquela realidade.
O valor do álbum non remata aí. Congil sostén que aquelas imaxes foron o “fondo de armario” ao que Carmen Martín Gaite recorreu durante décadas para construír o universo das súas chamadas “novelas de Piñor”, entre elas “Retahílas”, “Las ataduras” e “El pastel del diablo”. O pazo de Piñor é un dos espazos máis retratados do arquivo e convive con outras escenas familiares que acabarían transformadas en literatura.
A inauguración da exposición coincidirá coa apertura do primeiro dos tres roteiros literarios previstos no Plan Director Carmen Martín Gaite en Piñor. Sinalizado con paneis e códigos QR, permitirá percorrer os lugares que marcaron a infancia da escritora e reivindicar a profunda galeguidade dunha autora que sempre situou neste recuncho de Barbadás a orixe da súa imaxinación e do seu desexo de contar historias.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CEN FOTOGRAFÍAS
O álbum de Carmen Martín Gaite abre as súas páxinas
DESBROCES CONTRA INCENDIOS
El alto precio de las parcelas "fantasmas" en Barbadás, 800.000 euros al año: "Es inasumible"
Lo último