Tradición lírica galega coa IV Foliada de Barbadás

LETRAS GALEGAS

Entre as actividades deste ano están os obradoiros de danza, concertos, xogos populares e sorteos

Presentación da IV Foliada de Barbadás.
Presentación da IV Foliada de Barbadás.

O Concello de Barbadás continúa coa celebración das Letras Galegas. Nesta ocasión, coa IV Foliada que arrancará no mediodía de mañá. Coa colaboración da Asociación Cultural Moureán, unha entidade impulsada por mozos do Concello vencellados á música tradicional galega, a Concellería de Cultura recupera nesta fin de semana o tradicional desfile matutino polas rúas da Valenzá, coa posterior sesión vermú que se desfrutará nos Carrís.

“Este ano temos novidades que esperamos que sexan do agrado de todo o mundo”, anunciou a concelleira de Cultura, Ana Peleteiro, na presentación do evento, onde desvelou algúns detalles como a degustación de porco ao espeto, que substituirá ao xantar popular habitual. A tradición e a unión entre a veciñanza foron destacadas pola concelleira como os principais piares dunha celebración na que forman parte distintas agrupacións culturais, mentres que o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, puxo en valor o papel das cantareiras e pandeireteiras.

Entre as actividades anunciadas, todos aqueles que se acheguen á IV Foliada poderán participar nun obradoiro de danza con Dantzarl e acudir as actuacións das agrupacións participantes, antes do prato forte da xornada: o concerto do grupo Fiandola, seguido dunha foliada aberta. Ademais, o evento contará tamén con xogos populares e sorteos durante toda a xornada, así como cun Punto Violeta impulsado pola Concellería de Igualdade.

Contenido patrocinado

stats