Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás: "Non ten que mudar o PSdeG, teñen que mudar as persoas que o dirixen"

GOBERNA EN MINORÍA

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, reivindica a súa integridade tras a ruptura do grupo municipal e cuestiona a capacidade de liderado na dirección do partido

Xosé Carlos Valcárcel.
Xosé Carlos Valcárcel. | Martiño Pinal

Xosé Carlos Valcárcel (O Pereiro de Aguiar, 1963) afronta o momento máis complexo dos seus once anos na alcaldía de Barbadás. O rexedor goberna en minoría tras a implosión do grupo socialista o pasado decembro, detonada por unha dobre denuncia: a de acoso sexual contra un concelleiro e a posterior acusación de acoso laboral e encubrimento contra o propio alcalde por parte da mesma militante. Malia a presión do PSdeG para que dimitise e a “traizón” que admite sentir por parte das compañeiras que marcharon, Valcárcel amósase tenaz. Nesta conversa, defende a súa integridade, asegura ter a conciencia tranquila e, aínda que mantén as ganas de loitar, recoñece que comeza a meditar se en 2027 chegará o momento de dar un paso ao lado.

Pregunta. Eu creo que nunca comecei unha entrevista así, pero é obrigado preguntarllo. Despois de todo o que pasou, como está?

Respuesta. Estou animado, que é o importante. Con moitas ganas de traballar pola veciñanza e demostrar que somos capaces de sacar este concello adiante. Recoñezo que foi difícil, a nivel persoal foi moi difícil. Teño unha traxectoria profesional de 36 anos e nunca tiven ningún problema desta índole; xamais pensei que puidese chegar a esta situación. Pero creo que hai que pasar páxina, tanto polo meu interese como polo da veciñanza.

P. Di que quere pasar páxina, pero despois deste tempo, non sei se reflexionou máis friamente. Que cre que hai detrás de todo ese sinalamento cara á súa persoa?

R. Eu só fago unha reflexión: isto coincidiu no tempo coa situación de Monforte de Lemos, en Lugo. Alí quedou claro que o señor Besteiro non actuou ata que xurdiron as noticias nos medios. Eu actuei conseguindo a dimisión do denunciado en quince días, e sen que houbese ningunha información previa na prensa nin protocolo de actuación no partido. Creo que hai unha diferenza moi substancial entre a miña actuación e a do señor Besteiro: aquí intentouse tapar a falta de xestión noutros sitios.

P. Se puidese volver atrás, ao momento no que foi coñecedor dos feitos, actuaría doutra maneira?

R. Eu actuei conseguindo a dimisión. Podería telo feito mellor? Pois si, pode ser que tivese que haber máis achegamento á suposta vítima. Pero creo que houbo contundencia. Porque non é o mesmo dimitir que ser cesado. Se dimites, vaste do Concello; se te cesan, segues mantendo a acta e a interacción coa vítima. Neste caso, esa interacción quedou cortada.

P. Con respecto ás concelleiras que abandonaron o goberno: por que lle piden a vostede que actúe, cando elas só marcharon no momento en que os feitos se fixeron públicos na prensa? Que cre que hai detrás?

R. Non quero falar máis dese asunto, simplemente habería que preguntarlles a elas. Eu teño a miña opinión, pero non son eu quen debe responder sobre iso.

P. Sentiuse traizoado?

R. Si.

“Sentinme traizoado, pero renderse non entra no meu vocabulario” — Xosé Carlos Valcárcel - Alcalde de Barbadás.

P. Pensou nalgún momento “isto non paga a pena”, ou dixo “é que se dimito son eles os que gañan”?

R. Son unha persoa tenaz. Na miña vida laboral pasamos etapas complicadas nas que houbo que traballar arreo. Que se pensei en dimitir? Non. Pedíuseme a acta de deputado e de alcalde e dixen que non. Primeiro, porque teño a conciencia tranquila. E segundo, porque creo en min, nos compañeiros e en Barbadás. Renderse non entra no meu vocabulario. Cando alguén se sente agredido debe demostrar que é capaz de seguir adiante.

P. Como o leva vostede no día a día? Que resposta palpa na cidadanía?

R. Sentinme moi apoiado, teño que recoñecelo. Houbo un tempo en que custaba saír á rúa, pero ao final dixen: “Que fixen eu? Teño que saír”. E ao facelo, ao recibir chamadas de veciños e compañeiros de partido sen cargo, recuperei a alegría e o espírito de loita. É duro levar isto entre tres concelleiros, estar na brecha as 24 horas, correndo dun lado a outro polas avarías ou visitando os colexios, pero é gratificante.

P. Pregunteille hai tempo ao presidente Luis Menor se era posible un acordo no que vostede podería apoialo na Deputación a cambio de perpetuarse na alcaldía. Vostede darame longas tamén?

R. Non hai ningún tipo de acordo nin de compoñenda co PP. Ímolo negociar todo. Quen queira interactuar con nós, que chame. A dación de contas do pleno pasado foi moi útil e seguiremos nesa liña: explicando a xestión diaria e escoitando propostas de todos os grupos.

P. Desde que estoupou a crise, o ton de crispación vai baixando progresivamente nos plenos. Tranquilízalle isto?

R. Houbo un clima de crispación grande que eu non provoquei. Agradezo que amainase a confrontación no último pleno, porque a veciñanza non quere iso. Os veciños queren ver traballando os tres concelleiros nos problemas cotiáns.

Momento da entrevista co alcalde de Barbadás.
Momento da entrevista co alcalde de Barbadás. | Martiño Pinal

P. Vostede, malia deixar as siglas e o carné, segue a sentirse socialista?

R. Síntome progresista. Creo na igualdade, nos servizos públicos e na solidariedade. Eses son perfís que van ligados ao PSOE. Pero, vistos certos acontecementos, os partidos fannos as persoas. Ao mellor non ten que cambiar o partido, teñen que cambiar as persoas. Falo xenericamente, pero en Galicia estase levando ao partido a un nivel de irrelevancia nunca visto por ausencia de proximidade á veciñanza. Temos que estar no día a día, non elucubrando en postulados utópicos.

P. Que opinión ten do partido en Ourense?

R. As cuestións que lle interesan aos veciños teñen que estar ben defendidas, non con filosofía, senón con feitos. Poño un exemplo: os dirixentes socialistas desta provincia estiveron cos gandeiros e labregos que reclamaban solucións sobre o Mercosur? Non se reuniron con eles. Iso non se pode permitir nun partido que se chama progresista e que pretende estar ao carón das persoas que necesitan apoio.

P. Se o personalizamos na figura de Álvaro Vila, vostede foi moi crítico coa súa capacidade de xestión no último pleno da Deputación

R. Foi o voceiro e o secretario xeral que elixiu o partido. Pero creo que hai momentos nos que o partido ten que estar á altura e analizar se temos os mellores cadros. E inclúome a mín, eh.

P. Téñolle que preguntar tamén polo futuro. Pensou nese horizonte electoral do 2027?

R. Teño 62 anos. Cando chegue ese momento terei 63 e medio. Teño que meditar se é o momento de tomarse a vida cun pouco máis de relax. A miña preocupación sempre foi facelo ben, nunca contei con isto. Ao mellor doce anos poden ser suficientes. Non o afirmo con rotundidade, pero tamén teño unha familia e unha vida propia que desfrutar; tamén a traballei.

"2027 meditarei se toca dar un paso ao lado; ao mellor é o momento de desfrutar da miña familia” — Xosé Carlos Valcárcel - Alcalde de Barbadás

P. Para rematar, cales son os plans inmediatos para Barbadás?

R. Temos que optimizar recursos para que cheguen máis servizos. Estamos empeñados en mellorar a xestión. Un exemplo é a obra do Parque da Liberdade, que imos arranxar con 57.000 euros para darlle vida de verdade, ou a creación das brigadas de obras da Deputación que solicitamos por primeira vez en dez anos. Tamén imos incorporar un novo policía local e un técnico de urbanismo para axilizar trámites. Queremos ser un concello dinámico e solucionar pronto os problemas da veciñanza.

Contenido patrocinado

stats