Ana Patricia Torres: "O apoio dos veciños fixo que sexa a muller máis votada de Galicia"

Ana Patricia Torres Madureira é a Alcaldesa de Boborás

Publicado: 31 may 2023 - 05:33 Actualizado: 21 may 2026 - 15:57
Ana Patricia Torres Madureira.
Ana Patricia Torres Madureira.

Patricia Torres logrou nestas pasadas eleccións un mayoritario apoio dos seus veciños para seguir ao frente da Alcaldía de Boborás, converténdose na muller porcentualmente máis votada de todas as que se presentaron en Galicia.

Cantos anos leva ao frente da Alcaldía de Boborás?

Este que vai comezar é o meu segundo mandato como alcaldesa, é dicir catro anos. Pero estiven oito anos antes como concelleira de Cultura co anterior alcalde “popular” Cipriano Caamaño.

Como se conseguen 10 escanos de 11, hai algunha fórmula?

A fórmula é traballar e estar sempre ao carón dos veciños, informar e axudar. Hai que buscar o equilibrio entre facer grandes obras e pequenas e chegar a todos os lados. Ademais, ter a sorte de que o pobo recoñeza ese traballo.

Esperaba tan bo resultado?

A verdade é que si, recollemos o froito do sembrado, e as sensacións durante o mandato sempre foron boas pero durante a campaña moito máis, sensacións que se plasmaron nos resultados.

Será dos mellores de Galicia?

Pois está entre os cinco mellores resultados de toda Galicia, e como candidata muller no mellor. Estou moi agradecida porque o apoio dos meus veciños fíxome ser a candidata muller máis votada de Galicia.

¿Pode ser todo un modelo para que as mulleres se animen a participar máis na política, non cre?

Penso que xa somos unhas cantas mulleres as que estamos liderando concellos e con moi bos resultados, e si penso que podemos ser espello para que outras mulleres se animen e den o paso.

Que é o que máis valoran os veciños, na súa opinión?

Polo que palpei, que os feitos están aí, que non houbo promesas baleiras senon todo o contrario, pero ademais valoraron a cercanía, de poder ter o meu telefono persoal e chamar sen importar a hora. Estar nos momentos máis delicados e dar sempre a cara.

Pensa que ser deputada provincial influíu nese éxito electoral?

O feito de ser deputada fíxome aprender moito e incluso localizar oportunidades para mellorar o meu concello, tiven sempre o apoio incondicional do presidente Baltar, pero penso que non me deu máis por ser deputada senón porque presentei proxectos que merecían o apoio, igual que se axuda a outros alcaldes.

Que proxectos ten para Boborás nesta nova etapa de goberno?

Agora mesmo estamos modificando o PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), que é esencial para poder facer unha residencia de maiores, vivendas e un sólo industrial; pero ademais seguir humanizando os núcleos; o cambio a led; mellora dos viais; aposta pola conciliación; polo colexio e a cultura, entre outros moitos, seguindo a liña definida nestos últimos anos. E contamos inaugurar tamén este verán a piscina pública e, así mesmo, neste ano comezar as obras do novo centro de saúde.

En que momento está o proxecto turístico e termal do balneario de Brués?

Estamos pendentes de dúas autorizacións da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a aprobación definitiva do Plan Especial de Dotacións Termais e logo xa o promotor poderá solicitar a licencia de obra e posterior execución do proxecto.

Contenido patrocinado

stats