Felipe Senén López Gómez: "Este libro aborda unha obra moi íntima para os amigos de Vicente Risco"

Felipe Senén López Gómez, editor de “Doutrina e ritual da moi nobre orde galega do Sancto Graal - A estrela do apóstolo”: "Este libro aborda unha obra moi íntima para os amigos de Vicente Risco"

Felipe Senén López.
Felipe Senén López.

O carballiñés arqueólogo, escritor, debuxante, pintor e divulgador cultural, Felipe Senén López Gómez, recibiu o Premio Freire Carril pola Asociación Cultural Agromadas, de Seixalbo. A maiores, neste mes tivo a presentación do libro “Doutrina e ritual da moi nobre orde galega do Sancto Graal - A estrela do apóstolo de Vicente Risco”, xa que foi o responsable da edición, estudo e notas.

En que consiste este libro?

É unha obra moi íntima, para amigos de Vicente Risco. Esto quere dicir que é unha obra que nin se pensou en publicar nin nada. É a creación dunha doutrina e dunha orde do Grial, sabendo tamén o que significa o Santo Grial. Entón esta obra vincula moi ben o que é a esencia de Galicia, o mundo céltico, o panteísmo, máis o cristianismo. Tamén coa relación do país de Irlanda, que cultiva as súas orixes, que está no mundo céltico e no mundo cristián. Irlanda, naqueles anos, era o esplendor do modernismo, entre o ano 1915 e ano 1920, para o galeguismo e moi especialmente para Vicente Risco, era un espello onde mirarse. Este Risco, afeccionado das Irmandades da Fala, quere crear unha orde coa súa doutrina e catequismo, moi metido dentro do seu simbolismo.

Cantos folios ten esa doutrina?

Son como uns 15 folios desa doutrina, que é moi íntima e moi interior. Que non se pensaron nunca en publicar e onde ese grupo tan selecto de intelectuais reivindicaba o simbolismo do cáliz, que é un símbolo céltico, símbolo de comunión. No ano 1914, Risco ve en Madrid o Parsifal de Wagner, e isto aviva estas teorías que tiña el. É unha das obras máis grandiosas da humanidade, unha reivindicación ética e cristiá desa cultura, que marca en definitiva Europa.

Que defendía Risco nese libro?

Defendía reivindicar un mundo culto, un mundo intelectual, que en definitiva custa, todo iso custa. É unha cultura moi de minorías pero que lle deu unha esencia moi especial á cultura galega. Así, polos anos 20, naceu ese texto íntimo da doutrina da orde do Santo Grial. Que foi editado xa hai anos, por unha edición moi minoritaria, con comentarios de Afonso Vázquez Monxardín. Esta nova edición e case un libro de bibliófilos, onde se fala do simbolismo das teorías do Grial. Tamén se fala dese mundo esotérico, interno, que nos mete ata o realismo máxico, dato moi importante. Unha literatura que mistura a realidade coa fantasía.

Onde nace, por conseguinte, ese realismo máxico?

Eu case diría que o berce do realismo máxico é indubidablemente o mundo céltico, e moi especialmente Galicia. Destrás de todo isto, estaba Vicente Risco, que busca elementos tradicionais, históricos, culturais, para avalar a grandiosidade da cultura galega.

Que fala vostede no libro?

Eu falo da época na que viviu Vicente Risco, nos anos 20. Ves que é un persoaxe sumamente modernista, moi adiantado ao seu tempo, que vive produndamente o decadentismo. É unha reacción fronte o mundo industrial, que deshumaniza o noso tempo coa industrialización. Onde a cultura faise un ritual, unha liturxia. A cultura lévase posta, e Risco era moi dos valores de espíritu fronte os valores da economía, dos cartos, que indubidablemente converten á xente e os seus productos e a cultura de días, de actos, de celebracións. A cultura é unha forma de comportarse ante os problemas que nos presenta o espazo, o contexto e tamén a sociedade.

Contenido patrocinado

stats