Homenaxe á Xeración Nós na Insua dos Poetas

OTERO PEDRAYO

A Insua dos Poetas, na Esgueva, luce cinco novos murais en homenaxe á Xeración Nós. A súa inauguración realizouse nun acto con 150 escolares, que lembraron a figura de Otero Pedrayo, ao cumprirse 50 anos do seu falecemento

Tosar da a benvida aos partcipantes no evento da Insua.
Tosar da a benvida aos partcipantes no evento da Insua. | Xesús Fariñas

Música, poesía, literatura e memoria déronse cita este venres na Insua dos Poetas, na Esgueva, nunha mañá chuviosa que non impediu desfrutar da homenaxe ao escritor Ramón Otero Pedrayo, ao cumprirse 50 anos do seu falecemento, e aos seus compañeiros da Xeración Nós. Baixo unha gran carpa instalada no recinto da Insua, arredor de 150 escolares recitaron poemas e textos, tras o acto de inauguración dos novos murais da Galería da Literatura Galega, nunha iniciativa impulsada polas fundacións da Insua dos Poetas e a do Otero Pedrayo.

O protagonismo da xornada recaeu no alumnado do IES Otero Pedrayo de Ourense e do CEIP Otero Pedrayo de Amoeiro. O presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis Tosar, sinalou que “non é unha casualidade que veñan estes escolares, porque son os dous centros que levan o nome de Otero Pedrayo na provincia”.

Tosar deulles a benvida reivindicando a importancia histórica e cultural da Xeración Nós, formada por “homes que coa súa conciencia, traballo e fe en Galicia lograron que a cultura galega fose máis europea”. Engadiu que “hoxe é un día de profundo orgullo e satisfacción, porque estamos honrando a homes que practicamente da nada fixeron unha Galicia máis grande, máis cultural e máis acorde aos movementos da época”.

Novas xeracións

Tosar animou ademais aos máis novos a continuar co legado da Xeración Nós. “Quixemos que fosedes os homes e mulleres do século XXI os que recollades esa mensaxe. O voso papel neste acto é moi importante, porque se o que eles fixeron queda esquecido, non ten transcendencia”, afirmou ante os estudantes.

Tamén puxo en valor o labor desenvolvido polos integrantes deste movemento en ámbitos como a cultura, a política, o patrimonio ou a ordenación do territorio. “Foron universais”, afirmou. Sobre Otero Pedrayo, lembrou que “honramos especialmente a súa figura ao conmemorarse o 50 aniversario do seu falecemento, xunto cos seus compañeiros de xeración, que constituíron unha verdadeira irmandade de fe, conciencia e honestidade a favor dun único ideal: Galicia”.

Os alumnos de ámbolos centros prepararon durante as semanas previas textos e poemas do autor ourensán que presentaron no escenario.

Entre eles, as estudantes de 3º da ESO, Aitana Otero, Cloe López e Sabela Iglesias, que explicaron que antes desta actividade tamén dedicaron un programa de radio escolar á figura do autor.

“É o patrón do noso instituto, do que puidemos saber máis grazas a esta iniciativa”, sinalou Cloe López. Aitana Otero e Sabela Iglesias salientaron que este traballo axudounas a achegarse máis á figura do escritor e a descubrir que “ten uns poemas moi bonitos”.

Murais

O acto serviu non só para facer memoria da figura de Otero Pedrayo, senón tamén dos escritores que foron os seus compañeiros da Xeración Nós. A Galería da Literatura Galega da Insua dos Poetas inauguraba onte os retratos de Antón Losada Diéguez, Ramón Cabanillas, Castelao, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo, realizados polos artistas Roberto Otero, Diego As, Lidia Cao, Mon Devane e Iria Prol.

Contenido patrocinado

stats