Miguel Michinel
TINTA DE VERANO
Proyecto nacional
TRIBUNA
Neste ano oteriano, no que se suceden as homenaxes ao Patriarca das Letras Galegas, non queremos esquecer a quen estivo ao seu carón ata o derradeiro día: María Teresa Cortón Álvarez, unha mestra rural caldelá cuxa vida e obra merecen tamén ser lembradas.
Nada en Castro Caldelas no ano 1911, filla dun farmacéutico, María Teresa Cortón Álvarez estudou Maxisterio e dedicou corenta anos da súa vida á docencia. Tivo a súa primeira escola en Montoedo, unha pequena aldea do municipio da Teixeira, e despois exerceu en moitas outras escolas do rural galego ata rematar a súa carreira nun colexio de Ourense.
Eu, que tiven a honra de coñecela, lembro as tardes de leria sentados á súa mesa, tomando un café, contemplando un enorme mapa de Fontán e, sobre todo, escoitando e aprendendo daquela muller sabia. A súa conversa era maxistral, como se seguise dando clase. Lembraba con cariño as súas alumnas e alumnos, e as xentes dos moitos lugares do rural onde impartiu docencia durante anos.
Unha visión profética sobre as escolas rurais
Xa hai medio século, María Teresa advertía contra as concentracións escolares. Dicía daquela:
“Estou en contra das concentracións escolares. Creo que ata os seis ou sete anos os nenos non deben moverse das súas aldeíñas, porque deben residir no seu entorno, ao lado dos seus, os seis primeiros coñecementos, que son os máis importantes, xa que deles parte o amor ás súas cousas, á súa familia e mesmo aos animais. Unha formación moral e práctica completa. Como quedan as aldeas sen nenos, que son a alegría de vivir? Faltaralles un sorriso.”
E engadía con tristura:
“As nosas aldeas, debido ao fenómeno da emigración e á falta de mellores condicións de vida, empezarán un proceso de baleirado. Un pobo sen tradición é un pobo morto, sen historia nin antiga nin contemporánea, unha existencia sen raíces. Vivo no Castro e son feliz, pero ás veces sufro moito cando vexo o pouco valor que se lle dá hoxe ao pasado. Non se decatan de que un pobo sen tradición e sen pasado é un pobo morto.” Canta lucidez ao predicir hai cincuenta anos a situación actual.
A súa pegada en Otero Pedrayo
Xa xubilada da súa función docente, María Teresa seguiu vivindo no Castro e desenvolvendo un intenso labor social e cultural. Foi secretaria da Xunta de Goberno do Padroado Otero Pedrayo.
Nunha conversa recollida para o libro 88 galegos: unha terra a través das súas xentes (1983), preguntáronlle sobre Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Sebastián Martínez Risco, Florentino Lorenzo Cuevillas, Xaquín Lorenzo Xocas… Respondeu así:
“Ante esta pregunta, non podo menos que pensar naquela frase ‘se soubese escribir’. Que opino eu do tempo que pasei ao lado de todos eses personaxes e moi especialmente de Otero Pedrayo? Podería escribir sobre cada un deles un libro. E que libros!”
“Sen unirme lazos de parentesco, pola diferenza de idade, foron para min estes homes pais, amigos e grandes mestres. Con Vicente Risco e os seus pais vivín parte da miña infancia e con el aprendín o amor á familia, ás cousas que nos rodean, a apreciar o labor dos demais e a dialogar…”
“En canto a Ramón Otero, tiven a sorte de estar ao seu lado nos momentos máis decisivos da súa vida. Estando eu nas escolas das aldeas, continuei a miña amizade con Ramón por carta ata que volvín trasladada para Ourense. Desde entón non faltaba ao seu santo en Trasalba, á matanza e ás cantas veces Fita e Ramón me necesitaban. Conservo cartas pedíndome que fose a Trasalba, que estaban sós. Cartas que son preciosas, que leo e releo moitas veces.”
Unha carta de Ramón Otero Pedrayo
No ano 1973, Otero Pedrayo felicitaba a María Teresa con estas verbas:
“Moi querida e sempre recordada amiga: de pronto nos lembramos de que mañá é a túa santa, a Santa da simpatía espiritual por excelencia, cuxa excelsa calidade herdaches ti. Felicitámosche. Un abrazo para o teu esposo e queridos fillos. Proporcionáchesnos a Fita e a min moitos momentos de alegría e solucionaches moitos problemas. Comprenderás con que calor e vehemencia pedimos a Deus que che outorgue, como aos teus, todos os posibles favores e felicidades. Cun abrazo do vello amigo de sempre, Ramón Otero Pedrayo.”
Ela lembraba tamén como ás veces lle pedía que lle escribise algo para os seus alumnos, e el así o facía, e mesmo ía dar charlas ao colexio.
O verán antes do seu pasamento, María Teresa pasou uns días en Trasalba. Pediulle que lle arranxase un pouco o despacho, e cada cousa que lle ensinaba, el explicáballe o que era. Tiña moitas cuartillas escritas e quería que llas ordenase. Dicía que era “a desorde en orde”. Sabía perfectamente onde estaba cada libro.
Gratitude final
Podería seguir contando cousas e non acabaría nunca. Foron persoas cunha vida moi plena ás que non poderemos pagar nunca o valor cultural que nos legaron.
Grazas, María Teresa, polo teu traballo familiar e calado a carón de don Ramón durante moitos anos, sen pretender recibir medallas. Labores, contribucións e exemplos que só puidestes facer persoas boas e xenerosas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
RECUPERACIÓN TRAS LOS INCENDIOS
Savia nueva para el monte de A Caridade, en Monterrei, gracias a 2.300 árboles autóctonos
SEGUNDA FEDERACIÓN
Lucas Puime, de la UD Ourense: “Vamos a dar guerra”
REFORESTACIÓN EN MONTERREI
Galería | Numerosos niños reforestan A Caridade tras los incendios del pasado agosto
INNOVACIÓN MOI EFICAZ
“Chivi-Fire”, o líquido ignífugo do instituto Chivite de Verín, foi premiado en Vigo