Luís González Tosar: “Non hai que fuxir da ourensanía, somos máis ca unha provincia”
INSUA DOS POETAS
O escritor, presidente e fundador da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, prepara a próxima celebración do Día da Auga, Árbore e Poesía
A celebración terá lugar na Insua dos Poetas o próximo 21 de marzo, contando coa participación de escolares dos centros educativos da comarca.
A celebración do Día da Auga, Árbore e Poesía é unha das actividades máis participativas na Insua desde hai dez anos.
Si, estamos organizando para o 21 deste mes, na entrada do equinoccio de primavera, un acto no que o protagonismo corresponda á xuventude. Os mozos representan a forza do espírito, a procura da verdade, en definitiva, unha vitalidade indispensable para entender e interpretar, tamén para cuestionar, o mundo no que vivimos actualmente. A auga, a árbore e a poesía son máis que tres grandes símbolos, son tres enormes realidades; somos auga, necesitamos máis árbores e manexámonos con palabras. Aproveito para agradecer a súa participación, ós escolares e ós profesores.
Vostede foi quen redactou en 2005 o manifesto “Defensa da ourensanía” que asinaron en Celanova 70 persoas relacionadas coa lingua e cultura na provincia de Ourense. Que quedou de aquelo?
Marcos Valcárcel pediume que redactase o manifesto. Tratei de resumir a peculiaridade que nos distingue, que nos identifica ó longo do tempo cunha palabra, un neoloxismo: ourensanía. Os resultados están á vista. Hoxe a potencialidade da cultura galega maniféstase con especial forza e singularidade nun territorio que é máis ca unha provincia. Non hai que fuxir da ourensanía, hai que considerala máis alá da circunstancia política. É a nosa raiz profunda, un orgullo verdadeiro, a partir de aí estamos abertos ó mundo.
Vostede viviu a emigración na capital arxentina, trasladouse a Galicia nos anos 60 do pasado século e abrazou o galeguismo. Como é a súa vida de profesor xubilado en Guimarás, nunha aldea do concello do Irixo?
Non foi o meu un caso illado. Naquela década dos 60 comezou o retorno dos emigrantes na Arxentina, maiormente ourensáns, e ó mesmo tempo a partida, tamén de centos de miles de ourensáns a Europa. Eu vivín esa encrucillada. Tiven claro que a defensa da propia identidade era o camiño. Hoxe vivo só, coma tantos e tantas da miña idade, nunha aldea case baleira. Leo moito, escribo, atendo o meu soño, A Insua dos Poetas, e trato de colaborar cando mo solicitan. Non son amigo de aspaventos nin de postureos. Trato con autenticidade a quen me trata.
A Insua dos poetas é algo extraordinario para a cultura galega e moi valorado para a creadores e colectivos de fóra. Levado a cabo no Carballiño, defende o medio ambiente e a natureza autóctona nun predio de 7 hectáreas que vostede cedeu para uso público. Todo iso unido ás artes plásticas, á literatura, á música e á expresión cultural máis dinámica. É moi difícil soñar e construír algo así?
Levo quince anos entregado a este proxecto, día a día, e podo dicir que o resultado é moi satisfactorio. A constancia e o tesón foron e seguen a ser elementos fundamentais. Con todo, se non recibise apoios, sobre todo das institucións, en primeiro lugar da Deputación, o resultado sería case imposible. Prefiro non mirar atrás, ir cara adiante, ignorar envexas e non facer caso da miseria moral.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman
PRIMERA FEDERACIÓN
Una victoria para terminar el año del Arenteiro