As xornadas de cine do Carballiño serán un festival de curtas
FESTIVAL DE CORTOMETRAJES
A vila do Arenteiro ofrecerá en novembro un festival internacional con varias seccións e concursos
Con motivo da súa 40ª edición, as Xociviga do Carballiño, que se celebrarán entre o 20 e o 24 de novembro de 2024, reinventaranse marcando un novo fito na súa historia ao transformarse nun Festival Internacional de Curtametraxes baixo o lema Ano Cero. Este cambio representa unha homenaxe ao pasado innovador das xornadas baixo un título que alude a un novo comezo, unha renovación necesaria nun panorama audiovisual en constante evolución.
Nos últimos anos, a pesares de contar xa cun concurso de curtas e diversas actividades paralelas, as Xociviga mantiñan parte da súa identidade orixinal como mostra de cinema, proxectando unha variada selección de filmes do ano correspondente. O Carballiño conta xa cunha gran proposta cultural dedicada á proxección seleccionada de longametraxes de calidade da tempada, o Cine Clube Carballiño, feito que resalta a necesidade de que as xornadas se actualicen para diferenciarse e converterse nun complemento cultural de valor na vila.
Ano cero
Este Ano Cero marca unha nova etapa, centrando a actividade no formato curtametraxe, que é de vital importancia para a industria e para un público con ánimo de descubrir e gozar do audiovisual contemporáneo. Así, as Xociviga asumen a súa responsabilidade como un piar para a difusión deste formato en Galicia.
Desta maneira haberá as seccións internacional unha ventá ao panorama actual da curtametraxe en todo o mundo, achegando ao Carballiño pezas de transcendencia global; Galicia dedicada a promoción do cinema galego; a de novos creadores dirixida a estudantes e cineastas emerxentes; unha sección infantil sobre o cinema pensado para os nenos; a de Carballiño, con cine realizado por xente deste municipio e a sección vídeos musicais en liña, para dar visibilidade a un formato audiovisual sempre en primeira liña de vangarda.
Como Festival Internacional de Curtametraxes, as seccións Internacional, Galicia, NovosCreadores e Videos Musicais en Liña serán competitivas, con premios outorgados por un xurado profesional, un xurado novo e o propio público. As seccións Carballiño e Infantil serán unha mostra non competitiva.
As Xociviga son dende a súa orixe en 1984 un compromiso co cine, con Galicia e co futuro sempre cambiante do audiovisual, sinalan os responsables da Concellería de Cultura do Concello do Carballiño.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
INSERCIÓN LABORAL
El obradoiro dual mejora calles y viales en Carballiño
PRESENTACIÓN OFICIAL
La Veracruz ya tiene himno y cartel de su año santo jubilar
protagonistas
Aurora Bernárdez, la musa ourensana de Julio Cortázar
Lo último
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Feijóo, si fuera presidente
ABASTECIMIENTO DE AGUA
Laza pide el cierre de presas durante el riesgo de incendios